Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO CREARÁ RUTAS TEMATIZADAS PARA A POSTA EN VALOR DA “CEDEIRA MARIÑEIRA”

Xunto co proxecto “Cedeira Mar”, dirixido a divulgar entre o alumnado local e o público en xeral a importancia do sector pesqueiro e marisqueiro, o Concello de Cedeira ten previsto poñer en marcha este mesmo ano a iniciativa “Cedeira Mariñeira”. Encadrada tamén no campo de acción do GALP A Mariña-Ortegal, esta iniciativa vai enfocada á creación de rutas tematizadas, para facer a pé ou en bicicleta, a través das que se porá en valor o patrimonio mariño material e inmaterial da localidade.

Este proxecto ten un presuposto de 44.528€ e afonda na política do goberno local de Cedeira de promocionar a cultura mariñeira da vila e recoñecer a importancia do sector pesqueiro, tanto como axente fundamental na dinamización económica da zona como tamén como un valor turístico en si mesmo.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que “Cedeira Mariñeira” vai servir para deseñar as rutas e crear o material asociado a elas facendo fincapé en iconas da paisaxe cedeiresa como os Cantís de Herbeira, os miradorios de San Fiz de Esteiro, Robaleira, Punta Sarridal, Santo Antonio de Corveiro, Punta Candieira e outros lugares, xunto coas lendas, anécdotas e datos históricos asociados a eles e que forman parte da cultura local.

As rutas de “Cedeira Mariñeira” incorporaranse como unha alternativa turística e de lecer á páxina web municipal. Os contidos estarán dispoñibles en tres idiomas e facilitarase o acceso a eles a través de experiencias sonoras e visuais –con códigos QR-. O Concello contará, para o desenvolvemento desta iniciativa, coa colaboración do Club Candieira, unha entidade adicada á promoción do sendeirismo e a bicicleta de montaña, e en xeral de todas as disciplinas deportivas relacionadas co monte, que será de grande axuda para o deseño dos percorridos.