Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO BALIZARÁ A ZONA DE BAÑO DA PRAIA DA MAGDALENA PARA EVITAR A ENTRADA DE EMBARCACIÓNS

O Concello de Cedeira vai balizar a praia da Magdalena durante a tempada de baño, coa finalidade de garantir a seguridade das persoas e evitar incidentes coas embarcacións ou motos de auga que se acheguen ao litoral. O alcalde da vila, Pablo Diego Moreda Gil, estimou que esta é unha medida que ofrecerá máis confianza a todos e todas á hora de bañarse neste areal, o principal da localidade, e recordou que este é o primeiro verán, despois de moitos anos, no que a calidade das augas ten a categoría de excelente segundo Augas de Galicia.

O goberno local encargou á empresa Eurored Vigo, especializada neste tipo de equipamentos, a subministro da corda, as boias e flotadores que completarán a liña de balizado. Será unha barreira real para que as embarcacións non superen a franxa de protección de 200 metros, paralela á costa, establecida como norma xeral e na que a navegación deportiva ou de recreo non pode superar os tres nudos de velocidade. “A baliza evitará a navegación dentro da zona de baño e tamén que as embarcacións fondeen máis preto do que corresponde”, explicou o alcalde.

Por outra banda, o Concello de Cedeira está pendente de que desde a Xunta confirmen a concesión das axudas que ten solicitado para a contratación de catro socorristas que vixiarán as praias da Magdalena e Area Longa durante este verán, nos meses de xullo e agosto. O servizo de socorrismo contará este verán co apoio dunha zodiac cedida por Protección Civil, froito da estreita colaboración que manteñen o Concello e a entidade.

Tamén informa o alcalde de que xa están traballando as cinco persoas contratadas a través dun programa financiado pola Deputación da Coruña para a limpeza dos areais da vila.