Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ANOVA POR CATRO ANOS O SEU APOIO Á ESCOLA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira acaba de aprobar o convenio coa Asociación Escola de Música Vila de Cedeira, a través do cal a administración local sufraga as súas actividades formativas. O importe total da subvención é de 111.000€ repartidos en 9.450€ no que queda deste 2020, 37.000€ para cada un dos anos 2021 e 2022 e 27.750€ para o período de xaneiro a xullo de 2023. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, alabou a vitalidade e o dinamismo da entidade e agradeceulle o esforzo realizado para adaptarse ás actuais circunstancias e manter as clases.

A Escola de Música conta no comezo deste curso 2020/2021 con 134 matrículas. Ofrécense clases de piano, gaita, flauta de pico, percusión, guitarra, acordeón, trompeta, trombón, bombardino, tuba, clarinete, flauta travesa e saxofón, así como canto e asignaturas como linguaxe musical, armonía e análise. Segundo explica Zeltia Pardo Naval, profesora e parte do equipo directivo, a escola está aberta aos nenos e nenas a partir dos catro anos. Nas idades máis temperás, ata os seis anos, van a clases de música e movemento, e despois, con sete, comezan con algún instrumento. Non hai idade tope para iniciarse na música, explica a mestra, apuntando que á escola cedeiresa van tamén moitas persoas maiores para aprender ou perfeccionarse.

Tal como apunta Zeltia Pardo, este ano resultou un pouco máis difícil organizar o curso, pola obriga de adaptarse á limitación dos aforos nas aulas. A maior parte dos grupos -salvo algún que dá clase en espazos máis grandes- teñen un máximo de catro alumnos. A profesora salientou que neste novo curso a Escola de Música Vila de Cedeira dispón de dúas aulas máis, despois de que este verán o Concello fixese unha división do “hall” do Auditorio Municipal no que imparten clases. Segundo explicou, era unha demanda da asociación que afortunadamente se fixo realidade no momento no máis necesario.

A Asociación Escola de Música, que preside Lucía Alonso Barro, é unha entidade na que conflúen as tres principais entidades musicais da localidade: a Banda de Música Vila de Cedeira, a Banda de Gaitas Robaleira e a Asociación de Acordeóns. A entidade leva a escola co apoio do Concello desde hai oito anos, un tempo no que converteu xa en tradición as audicións públicas de Nadal e final de curso, cando tamén adoitan levar a música polas rúas da vila.

O Concello fixo pública en xullo deste ano a convocatoria, de libre concurrencia, para sufragar os gastos das escolas de música da localidade. A Asociación Escola de Música Vila de Cedeira presentou a única solicitude. A subvención concedida cubre o 90% dos seus gastos de profesorado, administración e material.