Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O COLECTIVO CEDEIRENSE RAMPLA LANZA UN XOGO COOPERATIVO PARA IDENTIFICAR PARELLAS DE PAXAROS

«‘Eiquí só hai unha ledicia, crear e crear sempre’. Seguindo a máxima de Jules Michelet, estamos moi led@s de ver voar as nosas bandadas de paxaros, de axudar a poñer en valor a fantástica obra do noso artista local André Ramil Díaz e de axudar a promover o coñecemento do noso contorno». Así se resume a última iniciativa do colectivo sociocultural Rampla, de Cedeira.

Co proxecto Paxaros-Hegazti-Ocells-Pájaros-Birds queren promover a arte e a creatividade, como un recurso educativo na infancia e a familia; potenciar a artistas locais; difundir o coñecemento e respecto polo mundo natural; exercitar a memoria, o xogo cooperativo e a diversidade lingüística; e fomentar a igualdade de xénero e a solidariedade.

A proposta consiste nun xogo de identificación de parellas de paxaros a través das ilustracións de Ramil Díaz. Para iso deseñaron 24 fichas de 8,5 centímetros de lado, nas que xunto ao debuxo da femia ou do macho aparece o seu nome científico e a súa denominación en galego, vasco, catalán, castelán e inglés. Rampla agradece que o Concello de Cedeira comprara 500 exemplares para repartir entre os nenos, así como o apoio da Sociedade Galega de Historia Natural e do Urdaibai Bird Center de Euskadi.

 

Fonte da noticia: La Voz de Galicia

Ir a Noticia O colectivo cedeirense Rampla lanza un xogo cooperativo para identificar parellas de paxaros