Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O AUDITORIO DE CEDEIRA ACOLLE ESTE VENRES A PROXECCIÓN E UN COLOQUIO SOBRE A CURTA “COVID NO BOSQUE”

O Auditorio de Cedeira acollerá este venres, ás 20.00 horas, a proxección da curtametraxe “Covid no Bosque” e un posterior coloquio coa directora e o director deste traballo feito en Cedeira. Ao día seguinte, o sábado 24, Teatro do Andamio ofrecerá a súa montaxe “A Cincenta” dirixido ao público infantil a partir de tres anos. É preciso reservar con antelación as localidades para calquera destes actos.

Simone Jenkinson e Joseph Traynor son unha parella orixinaria de Reino Unido que chegou a Cedeira despois de residir durante quince anos en Bos Aires. Abriron aquí unha nova etapa profesional, coa súa produtora Cuerda Creatives, e tamén persoal. A raíz da pandemia xurdiu a curtametraxe “Covid no Bosque”, na que colaboran máis de vinte persoas de xeito desinteresado e que expresa o desexo de correr, de respirar aire puro, de sentir a enerxía da natureza nun momento no que un virus parece ter cambiado o mundo baixo os nosos pés.

A entrada ao acto será gratuíta, aínda que as localidades están limitadas pola situación sanitaria e é preciso reservar previamente a través do correo simone@cuerdacreatives.com ou no Whatsapp 611 020 465.

Por outra banda, a programación cultural do Concello de Cedeira ofrece de novo este sábado unha proposta para o público infantil. O Auditorio Municipal acollerá ás 19.00 horas a obra “A Cincenta”, unha montaxe de Teatro do Andamio, escrita e dirixida por Tatiana Likhacheva. A igualdade de xénero está no trasfondo desta historia, na que dous vixiantes de seguridade dun centro comercial atopan a oportunidade da súa vida para facer o que lles gusta, o teatro, coa condicionante de que os dous terán que interpretar papeis femininos. Gema Ulloa e Fran Giraldo forman o elenco desta obra, que se desenvolve sempre en clave de humor.

O prezo da entrada para ver “A Cincenta” é de 2,50 euros e, como xa é habitual, hai que reservar as localidades a través do mail enrique.vazquez@cedeira.gal ou enviando un whatsapp ao número 649 876 614 en horario de 09.00 a 14.00h, indicando en calquera caso o nome das persoas que asistirán e un número de contacto.