Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O ARQUERO OLÍMPICO MIGUEL ALVARIÑO, INVITADO ESPECIAL DA XIX FESTA DO DEPORTE DE CEDEIRA

O deporte cedeirés volve celebrar este venres a súa festa, despois de tres anos de ausencia, nunha gala enfocada a recoñecer o esforzo de todos os clubes por superar o parón da pandemia e a súa capacidade para saír dela con azos para afrontar novos retos. O Polideportivo Municipal acollerá ás 20.30 horas a Festa do Deporte, que chega este ano á súa décimo novena edición e que contará como invitado especial co deportista olímpico Miguel Alvariño, campión de Europa de tiro con arco.

Tal e como explicou o concelleiro de Deportes, Jesús Romero Carracelas, esta é unha cita que o Concello organiza coa participación de todas as entidades deportivas. Nela recibirán o seu agasallo e recoñecemento os clubes locais de pádel, remo, natación (triatlón), fútbol, karate, bádminton e baloncesto, así como a asociación deportiva Apader, o Street Dance Cedeira e o Club Candieira. Cada un deles, á súa vez, poderá aproveitar a ocasión para destacar o traballo de ata tres deportistas ou entidades.

Ademais, na gala darase a coñecer o nome da persoa ou entidade deportiva máis destacada do último ano. Todos os clubes elixiron as tres nominacións desta edición, que foron para Damián Suárez, do Club Natación Cedeira; a S.D. Cedeira, que cumpliu o pasado ano medio século de historia, e Raquel Rodríguez, do Club de Remo. De entre eles sairá o premio, unha vez máis pola votación das propias entidades deportivas.

A teor do desenvolvemento de todas as galas celebradas ata o ano 2019, esta XIX Festa do Deporte de Cedeira será unha vez máis un evento con gran participación, na que veciños e veciñas da localidade asisten para aplaudir e arroupar aos seus deportistas. Será, de novo, unha ocasión para celebrar e destacar a rica tradición deportiva que existe na localidade así como para gabar os logros acadados en competicións de todos os niveis.