O ALUMNADO IMPLICADO NOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS DE CEDEIRA APRENDE O FUNCIONAMENTO DO CONCELLO
O alumnado de 3º de ESO do IES Punta Candieira participou a pasada semana en varias sesións formativas no marco dos Orzamentos Participativos que impulsa o Concello de Cedeira. É un proceso vinculante, e non meramente consultivo, no que os rapaces e rapazas deciden en que investir 20.000€ dos presupostos municipais, e que abrangue tamén, nesta primeira fase, a aprendizaxe sobre o funcionamento da administración local.
Durante as recentes sesións formativas, os rapaces e rapazas recibiron información sobre a estrutura e órganos de decisión do Concello, ao tempo que traballaron nun “mapeo” do territorio, un exercicio para analizar os recursos xa dispoñibles cara á detección de necesidades. Como novidade, este ano o alumnado vai preparar e presentar as súas propostas para o investimento dos Orzamentos Participativos en formato vídeo, o que implicará un maior contacto co territorio, porque terán que visitar os espazos sobre os que se quere intervir, falar coas persoas que podan aportar información…
A previsión é continuar en marzo cos seguintes obradoiros formativos, nos que se verá a elaboración dos proxectos e os guións de vídeo-propostas, que se presentarán ao Concello no mes de abril. En maio será a asemblea na que se votará entre as propostas, previamente validadas polo personal municipal para garantir que son factibles xurídica, económica e tecnicamente. Xa en xuño, o proxecto ou proxectos elixidos someteranse ao pleno da corporación, que a teor do sucedido en anos anteriores dará a súa aprobación para seren executadas nos meses posteriores.
O compromiso do goberno local de Cedeira con este proceso de Orzamentos Participativos é precisamente unha das súas singularidades, xa que sempre, desde que se desenvolveu a súa primeira edición no ano da pandemia, todas as propostas do alumnado foron aprobadas por unanimidade no Concello. Así, os proxectos que se excutaron ata o de agora foron o parque de calistenia, un ciclo de cine ao aire libre, a mellora da pista deportiva do parque Floreal e a adquisición de equipamento para o ximnasio municipal.
O modelo de participación de Cedeira foi unha das experiencias que se expuxo no congreso de Cidades Amigas da Infancia de UNICEF celebrado o pasado decembro na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), espertando grande interese por parte doutros centros educativos e concellos galegos. Esta circunstancia foi un dos motivos para realizar este ano un traballo de audiovisual que recollerá as características desta experiencia. Con esta peza audiovisual, que estará dispoñible ao finalizar este curso escolar, visibilizarase a iniciativa, facendo un recoñecemento a todas as persoas que se implicaron dende o seu inicio. O formato vídeo empregarase tamén na elaborción das propostas.