Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

“EMPRENDEPESCA” , NOVO PROXECTO DE PROMOCIÓN DO EMPRENDEMENTO NO SECTOR MARIÑO EN CEDEIRA, VALDOVIÑO E CARIÑO

O “PROGRAMA DE VALORIZACIÓN DA PESCA SUSTENTABLE, E PARA IMPULSO DO EMPRENDEMENTO, PRIORITARIAMENTE NA TRANSFORMACIÓN, NO SECTOR PESQUEIRO NOS CONCELLOS DE CARIÑO, CEDEIRA E VALDOVIÑO. EMPRENDEPESCA” (2021-2022) é un proxecto conxunto entre os Concellos de Cariño, Cedeira e Valdoviño, liderado polo concello de Cedeira. Conta, tamén coa colaboración de diferentes entidades clave nestes territorios, como son as Confrarías de Pescadores de Cedeira e de Cariño, a Asociación de Mariscadoras e Mariscadores de Cariño, a Asociación de Percebeiros, de Cariño e a Asociación de Percebeiros de Meirás.

EMPRENDEPESCA proponse, entre os seus obxectivos específicos, as seguintes metas:

· Promocionar o carácter sustentable dos modos de extracción da pesca e do marisqueo nestes territorios.

· Fomentar o coñecemento de especies con menor incidencia na comercialización e consumo nos establecementos e fogares.

· Impulsar o emprendemento e especialmente a transformación nun territorio moi centrado na comercialización do produto fresco.

POR QUE NACE O PROXECTO?

O proxecto nace debido a que as vilas mariñeiras de Cariño e Cedeira e o pobo de Valdoviño acusan unha tendencia de perda de efectivos nos últimos anos dentro do sector da pesca e do marisqueo, tal e como se observa no nivel de afiliación á Seguridade Social do Réxime Especial do Mar. Ademais, actividade transformadora ten un escaso peso no territorio, aínda que Cariño sí mantén algunhas empresas tradicionais neste eido, icónicas no territorio como é “Conservas La Pureza”.

QUE SE VAI A REALIZAR? EMPRENDEPESCA

actúa sobre unha serie de necesidades que foron detectadas por outras iniciativas dos Grupos de Acción Local Participativos, relativas a esta carencia de procesados, a falta de relevo, a escaseza de efectivos, etc. O proxecto vén a complementar e reforzar outros programas que se están executando no territorio, concretamente en Cedeira e Valdoviño, como son “PESCA DA COSTA-CEDEIXURA”, “PESCATURACCIÓN CEDEIRA”, que pon en relación ao sector mariño e o hostaleiro, ou “VALDOVIÑO MAR. FUTURO A TODA COSTA”, que traballa sobre a dignificación dos oficios do marisqueo e o patrimonio litoral.

Neste caso, no novo proxecto entre Cariño, Cedeira e Valdoviño, o enfoque central será o do emprendemento (e moi especialmente na transformación), partindo das potencialidades no territorio e de casos de éxito transferibles a cada localidade.

Entre as actividades previstas destacan accións de investigación, comunicación e sensibilización e outras de asesoramento ao proceso emprendedor:

– CREACIÓN DA PÁXINA WEB, REDES SOCIAIS E IMAXE DO PROXECTO. O proxecto EMPRENDEPESCA contará dunha plataforma web específica, ademais de dous perfís en redes sociais, que darán conta de publicacións especializadas para a valorización da pesca sustentable.

– DESEÑO, MAQUETACIÓN E IMPRESIÓN DE SOPORTES PROMOCIONAIS MATERIAIS. Estes materiais específicos servirán para identificar tanto ás peixerías que venden as especies de baixura, como aos establecementos de restauración onde é posible degustar pratos ou tapas con estes ingredientes principais. FOTOGRAFÍA, VÍDEO E VÍDEOINFOGRAFÍAS. Fotos de especies, pratos e establecementos participantes. E vídeos a persoas que dean testemuña tanto da pesca sostible como das oportunidades de emprendemento no sector. Ademais, realizaranse tres pezas audiovisuais animadas explicativas, co obxectivo de promover a sensibilización e difusión da información do proxecto entre o público xeral e perfís de persoas emprendedoras.

– CAMPAÑA DE VALORIZACIÓN DA PESCA SOSTIBLE: OFICIOS E PRODUTOS (elaboración dunha guía de receita e organización do programa “Pesca de Costa”, coa colaboración de establecementos de restauración dos tres concellos para dedicar dous meses do ano 2022 á realización de pratos con especies de pesca de baixura seleccionadas).

– IMPULSO DO EMPRENDEMENTO, PRIORITARIAMENTE NA TRANSFORMACIÓN (xornadas de difusión, visitas a empresas exemplo de boas prácticas e obradoiros de asesoramento).

En breve, presentarase a imaxe gráfica do proxecto e o seu lema, elementos necesarios para poder lanzar o proxecto nestas localidades, conforme avancen os traballos de investigación social e deseño do proxecto, coa calendarización das numerosas actuacións previstas ate decembro de 2022. Activaranse tamén varios perfís de redes sociais, co ánimo de divulgar todas as convocatorias formativas e de asesoramento destinadas ao sector no seo deste proxecto plurianual.