Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CURSOS E OBRADOIROS PROMOVIDOS POLO CONCELLO PARA MELLORAR A SAÚDE E A CALIDADE DE VIDA DAS SÚAS VECIÑAS

A Concellería de Igualdade do Concello de Cedeira está a promover unha serie de formacións e actividades orientadas a mellorar a saúde e a calidade de vida das veciñas. Vén de celebrarse, cunha moi boa acollida por parte das participantes, un obradoiro a cargo da matroa Paula Sánchez Flores, do Materno Infantil da Coruña, no que abordaron os cambios que chegan na etapa da menopausia, desde osteoporose ata sequedade vaxinal, e que afectan á vida das mulleres en moi diferentes órdenes. A concelleira Lucía Picos destaca a importancia de informar sobre estas cuestións, en xeral pouco coñecidas e escasamente coidadas desde o sistema sanitario pese a que afectan a máis do 50% da poboación.

Unhas 35 mulleres asistiron ao obradoiro de saúde que impartiu Paula Sánchez e cubriron unha enquisa ao finalizar na que confirmaron o interese que tiveron os seus contidos. A concelleira Lucía Picos recordou que xa en decembro se organizara, tamén con éxito, unha formación dirixida a profesionais do ámbito deportivo e deportistas, para concienciar sobre a importancia dunha práctica deportiva en condicións de seguridade, entre outras, da anatomía lumbo-pélvica, para evitar lesións comúns que afectan a mulleres de todas as idades. A intención da Concellería de Igualdade é organizar proximamente outro obradoiro no que se falará de novo do solo pélvico, para todas as veciñas interesadas, e se aprenderán exercicios que se poden facer facilmente na vida cotiá para fortalecelo.

Máis inmediata é, hoxe venres día 2 de febreiro, a charla sobre “Mitos do amor romántico” que Olalla Barro, técnica especializada en Igualdade e docente, impartirá no Auditorio Municipal, ás 19.30h. Nela percorrerá desde o punto de vista histórico o rol que a muller desempeñou en diferentes eidos, entre eles o económico e laboral, e sobre como o modelo de conduta amorosa que tradicionalmente imperou na sociedade ten unha relación directa coa subordinación das mulleres e a violencia de xénero.

Ao día seguinte, o sábado 3, desenvolverase no Pavillón Municipal un taller de Autodefensa que vai dirixido a mulleres de todas as idades. Nel daranse claves e técnicas para protexerse e defenderse de situacións violentas. O obradoiro correrá a cargo de especialistas da Federación Galega de Loita e profesionais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. O horario será de 09.00 a 14.00 horas.