CONCERTO DE DAVIDE SALVADO, FRANSY GONZÁLEZ E CIBRÁN SEIXO ESTE SÁBADO EN CEDEIRA
Un concerto de música tradicional galega a cargo dos reputados intérpretes Davide Salvado, Fransy González e Cibrán Seixo vai abrir este sábado en Cedeira a axenda de espectáculos ao aire libre, nun verán no que están programadas moitas actividades con aforo controlado para adaptarse á situación. Así, a praza Floreal acollerá ás 20.00 horas o concerto, no que as localidades irán ocupándose por orde de chegada. As cadeiras estarán colocadas gardando a distancia obrigatoria e ao chegar tomarase nota do nome e o teléfono das persoas asistentes. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao Auditorio Municipal.
Davide Salvado (percusión e voz, Franxy González (percusión e voz) e Cibrán Seixo (violín y mug) son tres coñecidos músicos cunha ampla traxectoria no panorama musical galego e internacional. A unión das súas forzas é unha potente proposta de vangarda, na que logran darlle un selo propio ás cancións tradicionais de sempre.
O concerto está organizado coa colaboración da Deputación da Coruña.
Exposición
Por outra banda, recordamos que hoxe venres inaugúrase no Palacete Municipal a exposición de fotografías “Amantes da Música”, con 62 instantáneas de Darío López e Luis Losada na que se retratan intérpretes e grupos do rico e variado panorama musical de Cedeira.
A mostra vai permanecer aberta ao público no Palacete Municipal ata o vindeiro 26 de xullo. O horario de apertura será de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas e de 15.30 a 20.00 horas, así como os sábados de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas e os domingos pola máñá, de 10.00 a 14.00 horas.