Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CONCELLO DE CEDEIRA E CONSELLERÍA DE SANIDADE AVANZAN CARA A AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, mantivo esta semana unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, coa finalidade de seguir avanzando cara a ampliación do Centro de Saúde. Segundo explicou o rexedor local, os terreos que o Concello pon a disposición da Xunta están afectados pola Lei de Costas, unha circunstancia que é preciso ter en conta para facer unha modificación do planeamento que se axuste á legalidade e que dea resposta, ao mesmo tempo, ás necesidades do proxecto. Moreda Gil agradeceu a boa disposición e o ambiente construtivo da reunión e considerou que coa boa vontade de todas as partes será posible realizar a tramitación e licitar o proxecto a finais deste ano.

Na reunión participaron, xunto co alcalde e os técnicos municipais, o arquitecto Ángel Monteoliva, quen recibiu o encargo do Concello de redactar a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e que é redactor tamén do proxecto de ampliación do CHUAC da Coruña. Xunto co conselleiro, estiveron tamén no encontro o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio; a directora de Recursos Económicos da Consellería, María Jesús Piñeiro Bello, e persoal técnico.

Unha vez que desde a parte do Concello se explicou a afectación de Costas e os trámites xa realizados, a reunión orientouse a describir diferentes alternativas coas que modificar o PXOM dotando ao Centro de Saúde de 1.000 metros cadrados máis para que pase dos 1.100 actuais aos 2.100 que Sanidade estima necesarios. Agora, explicou Moreda Gil, o Concello vai solicitar unha reunión coa Demarcación de Costas para analizar as posibilidades e chegar á máis acaída.

Desde a Consellería subliñouse no encontro que a ampliación do Centro de Saúde de Cedeira é unha necesidade real e que xa ten consignación presupuestaria nos orzamentos deste ano. O proxecto de Sanidade, comentou o alcalde, vai ir dirixido non so a cubrir as carencias actuais, senón a respostar ás demandas dunha poboación creciente. O proxecto, clasificado como de prioridade 1 no Plan de Infraestruturas do Sergas, contempla unhas instalacións que darán cobertura a un cupo de 6.500 persoas. Serán ata 10.000 no caso do Punto de Atención Continuada, que non so atenderá á xente de Cedeira senón tamén doutros municipios como Valdoviño e Cerdido; e chegarán ata 15.500 os potenciais usuarios no caso do servizo de fisioterapia, que abranguerá a poboación de Cedeira, Valdoviño, Cerdido, Moeche e As Somozas.

A ampliación permitirá crear un despacho para o traballador social, unha sala de técnicas, outra polivalente, outra máis de toma de mostras, unha consulta de docencia e un espazo para a educación sanitaria. O PAC terá sala de reanimación e vestiarios e zona de fisioterapia dotada con xumnasio, cabinas e consulta. En total haberá cinco consultas de medicina, cinco de enfermería, unha de farmacia e dous polivalentes.