Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira promove catro xeorutas, roteiro polo casco vello e unha andaina a San Andrés para Semana Santa

CEDEIRA PROMOVE CATRO XEORUTAS, ROTEIRO POLO CASCO VELLO E UNHA ANDAINA A SAN ANDRÉS PARA SEMANA SANTA

Tres son as principais propostas de ocio que o goberno de Cedeira, a través da Concellería de Cultura e Turismo, está a programar cara aos días de Semana Santa.

Todas as actividades terán carácter gratuíto e darán comezo o mércores día 17 para alongarse ata o domingo 21. Durante este intervalo de tempo, as persoas que visiten Cedeira terán a posibilidade de descubrir a riqueza xeolóxica do municipio, percorrer o casco vello nunha iniciativa que os levará ata a ermida de San Antón ou facer a pé o camiño de San Andrés de Teixido para cumprir coa tradición de viaxar de vivos antes de facelo de mortos.

As coñecidas como Xeorutas, visitas guiadas de contido xeolóxico, volven cobrar protagonismo dentro dunha programación pensada para as familias e afeccionados á natureza e espazos ao aire libre. Haberá saídas o mércores, xoves, venres e sábado.

Día 17: Ruta do Litoral. Consiste nun paseo xeolóxico pola contorna do porto de Cedeira e da praia da Madalena e na que, ademais, se inclúe unha visita ao xacemento arqueolóxico da Punta Sarridal. De dificultade baixa e de tres horas de duración, a experiencia dará comezo ás 10.30 horas e finalizará ás 13.30 horas.

Día 18: Ruta Os Cantís. Con esta xeoruta existe a posibilidade de contemplar unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo así unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 metros de altitude e rochas de hai millóns de anos. Ten unha dificultade baixa e a actividade levarase a cabo en horario de 16.00 a 19.00 horas.

Día 19: Ruta Praia de Areas Negras. Esta saída permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do planeta e tomar contacto cos cantís máis altos da Europa continental. Neste caso a dificultade é alta e a saída dará comezo ás 10.00 para finalizar ás 16.00 horas.

Día 20: Ruta do Cromo. Trátase dunha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. É de dificultade baixa é prolongarase entre as 16.00 e as 20.00 horas.

O catedrático de Xeoloxía Francisco Canosa volverá a se poñer un ano máis- e xa van tres- á fronte destas saídas guiadas para acercar aos visitantes a riqueza xeolóxica que existe no termo municipal Cedeira e que fai do mesmo un dos promotores da creación do Xeoparque do Cabo Ortegal, xunto aos de Cerdido, Moeche, Ortigueira, Cariño, San Sadurniño e Valdoviño. As inscricións xa poden levar a cabo a través da oficina de Turismo (teléfono 981 482 187) e mesmo na páxina do Concello (www.cedeira.gal).

Esta programación inclúe dúas opcións máis. Así, para a xornada do xoves, día 18, haberá un roteiro guiado polo casco vello, no que os participantes coñecerán o centro urbano da vila, a ermida de San Antonio, o xacemento arqueolóxico do Sarridal, a castelo da Concepción e o porto pesqueiro, e para o do sábado, día 20, unha ruta a pé ata o satuario de San Andrés de Teixido. A primeira das citas sairá ás 11.00 horas, mentres e a segunda ás 10.00 horas. A asistencia segue a ser gratuíta e a oficina de turismo, situada na avenida de Castelao, será o punto de partida para ámbalas dúas actividades.

Este conxunto de iniciativas completarase así mesmo coas habituais visitas guiadas ao castelo da Concepción, que serán o mércores, xoves, venres, sábado e domingo en horario de mañá e tarde.

Por último anúnciase o cambio de horario da oficina de Turismo que xa está a funcionar desde o pasado 1 de abril, o que se traduce nun incremento de atención aos visitantes.

O horario é o seguinte:

  • de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas; de martes a venres tamén abre polas tardes (de 17.00 a 19.00 horas) e os sábados, de 11.00 a 14.00 horas.
  • Xoves Santo: de 9.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas
  • Venres Santo: 9.00 a 14.00 horas
  • Sábado Santo: de 11.00 a 14.00 horas