Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira prepara os actos de recordo e homenaxe aos represaliados polo franquismo

CEDEIRA PREPARA OS ACTOS DE RECORDO E HOMENAXE AOS REPRESALIADOS POLO FRANQUISMO

O Concello de Cedeira ultima os actos cos que un ano máis o goberno municipal e a veciñanza da vila recordarán aos represaliados polo franquismo con actividades e homenaxes.

A programación arrincará este sábado coa celebración da primeira das citas. Será unha representación teatral a cargo do grupo Chévere que porá en escena a obra “Goldi Libre”. A sesión dará comezo ás 20.00 horas, terá lugar no auditorio e rematará cunha charla aberta sobre o movemento de insubmisión, no que tamén estará Robustiano Labraña, o concelleiro de Ensino, Mocidade e Lingua. O prezo da entrada é de 2,5 euros. “Goldi libre” é un traballo de teatro-documento sobre o movemento de insubmisión que levou a centos de xoves ao cárcere como presos de conciencia e que tivo como consecuencia inmediata a suspensión do servizo militar obrigatorio despois de máis de 150 anos de vixencia.

A seguinte actividade terá lugar o xoves, día 12, e consistirá nunha conferencia a cargo do historiador Enrique Barrera, que leva por título “Golpe de estado do 23 F, o que non nos contaron” e que está basada na tese doutoral do profesor Roberto Muñoz Bolaños.

As citas conmemorativas rematarán o próximo domingo co actos de homenaxe e recordo ás persoas represaliadas de Cedeira e as que sufriron prisión no campo de concentración que houbo na localidade durante a guerra civil. A praza da Revolta volverá ser a referencia para as persoas que desexen secundar coa súa presenza a celebración dun encontro que será ás 12.30 horas e no que estarán presentes, ademais dos responsables municipais, representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática.