Cedeira dá a coñecer o seu patrimonio coa proxección de vídeos sobre a riqueza xeolóxica e a pedra formosa do campo do Castro
CEDEIRA DÁ A COÑECER O SEU PATRIMONIO COA PROXECCIÓN DE VÍDEOS SOBRE
A RIQUEZA XEOLÓXICA E A PEDRA FORMOSA DO CAMPO DO CASTRO
O patrimonio estará moi presente nas próximas xornadas no día a día da xente da vila. Será o venres, día 26, cando o Concello de Cedeira dará a coñecer o vídeo da riqueza geolóxica do municipio, un traballo que leva por nome “Cedeira xeolóxica” e vinculado á participación de Cedeira no proxecto “Entre arcos e cantís”. Trátase dunha aposta polo ecoturismo financiada a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de A Mariña-Ortegal na que tamén están presentes os municipios de Ribadeo e Burela. De feito, no acto previsto para o venres -que será ás 20.00 horas no auditorio municipal- tamén se pasará o traballo audiovisual conxunto.
A segunda cita co patrimonio local terá lugar ao día seguinte, o sábado 27. Neste caso, consistirá na proxección do vídeo no que se recollen os traballos arqueolóxicos levados a cabo no Campo do Castro e que tan bos resultados deron coa localización da quinta “pedra formosa” de Galicia. O acto dará comezo ás 12.00 horas e será no auditorio. No mesmo participará o arqueólogo Emilio Ramil, responsable do grupo que tomou parte na excavación, que explicará o contido dunhas imaxes recollidas por Alejandro Ramil Blanco, así como a importancia dos restos alí atopados.
Desde o goberno de Cedeira invítase á veciñanza a secundar coa súa presenza a celebración duns actos convocados coa finalidade de aproximar aos veciños ao coñecemento dunha riqueza que debe servir de orgullo aos habitantes da vila e de recoñecemento por parte das persoas que a visitan.