CEDEIRA BRINDA A CAPELADA PARA UNHA EDICIÓN “ESPECIAL XEOPARQUE” DO CERTAME DE PINTURA RÁPIDA
O Concello de Cedeira brinda este ano a Capelada e as súas impactantes paisaxes para unha edición especial do seu Certame de Pintura Rápida. Artistas chegados de diferentes lugares xa percorren estes días os lugares máis emblemáticos da serra para elixir o lugar no que plantarán o cabalete este domingo, nunha xornada que coincidirá coa chegada dos dous expertos da Unesco que van avaliar sobre o terreo a candidatura de Cabo Ortegal para o título de Xeoparque.
Como en anos anteriores, o Concello prevé que tanto pintores profesionais como afeccionados, de dentro e de fóra de Galicia, participen no Certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira” nesta oitava edición que está adicada ao proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal. Entre as nove e as once da mañá os e as artistas participantes verificarán a súa inscrición e selarán os soportes no punto de información turística situado na rúa Ezequiel López, no casco urbano. Alí recibirán un mapa co territorio delimitado da Capelada no que poden traballar.
Dentro do mapa no que poden elixir ubicación están lugares tan emblemáticos como a aldea de Santo André de Teixido, chea de maxia e simboloxía; o curro da Capelada, escenario de ritos ancestrais que chegan ata os nosos días; o mirador de Teixidelo, que se levanta sobre a única praia do mundo con area negra non volcánica ou o lugar da Garita de Herbeira, un punto excepcional no que asomarse aos cantís máis altos da Europa continental. Os artistas deberán enviar a súa localización ao xurado, unha vez que comecen a traballar, e terán que presentar as súas obras de novo no centro da vila, na Sala Áncora, antes das 17.30 horas.
Tamén o domingo estarán en Cedeira o británico Chris Woodley-Stewart, director do xeoparque de North Pennines, e o uruguayo César Goso, director do xeoparque Grupas do Palacio, para comezar a súa xira de avaliación do proxecto Cabo Ortegal. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, vai acompañar aos expertos da Unesco nun percorrido pola liña de costa da Capelada, onde atoparán de seguro aos participantes do certame cos pinceis na man.
O xurado do Certame de Pingura Rápida está composto este ano polos artistas María Villar Pérez, Noelia Blanco López e Andrés Urrutia. O seu fallo darase a coñecer na Praza Roxa, diante da Sala Áncora, despois da súa deliveración na mesma tarde do domingo. Os premios serán de 800, 600 e 400€ para a primeira, segunda e terceira obras seleccionadas, xunto co correspondiente diploma.