Cedeira acomete obras de urxencia nos canalóns do pavillón para acabar coas humidades nas bancadas
O Concello de Cedeira acaba de contratar a substitución dun tramo de canalóns na cuberta do polideportivo municipal para evitar as filtracións e humidades que se están a producir na parte superior das bancadas.
O investimento da obra supera os 8.000 euros (IVE incluído) e a realización do proxecto obedece ao compromiso do goberno local de evitar a deterioración das propiedades de carácter municipal.
A intervención dará lugar á retirada de 65 metros de canalóns de aceiro inoxidable para ser substituídos por outros de aluminio. Esta operación require tanto a retirada temporal dun importante número das placas da cuberta do pavillón como a súa posterior colocación.
O goberno municipal destaca a necesidade de acometer a obra polo altísimo rendemento dunhas instalacións que son o centro da actividade deportiva para moitos dos veciños e veciñas do municipio.