Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

URBANISMO

O CONCELLO RESTAUROU A PONTE DE MADEIRA SOBRE O RÍO CONDOMIÑAS

O Concello de Cedeira levou a cabo recentemente a reparación dun lateral da ponte de madeira que cruza sobre o río Condomiñas, á altura do comezo da rúa Ortigueira, e o repaso do tratamento superficial de toda a estrutura, cun investimento de preto de 12.000€. Desde o goberno local recordan que hai máis de sete anos se reparara un dos peitorís e explican que agora era necesario acometer o arranxo do outro, deteriorado polo paso do tempo, para garantir o correcto mantemento deste paso peonil entre as dúas marxes do río.

A ponte foi construída pola Deputación da Coruña hai máis de vinte anos. Ten algo máis de vinte metros de ancho e une as rúas Ponthus e Ortigueira, permitindo o cruce a pé. O contrato de restauración dun dos peitorís foi de 11.979€ (IVE incluído).

ADXUDICADA, POR MÁIS DE 204.000€, A MELLORA DE BEIRARRÚAS EN CINCO VIAIS DA ZONA URBANA DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira adxudicou á empresa Meraki a execución do proxecto “Mellora das beirarrúas na Avenida de España, as rúas Ponte Nova, José Pascual López Cortón, Salinas e Camiño de Pitilleira”. Cinco empresas concorreron ao proceso de licitación, que partía dun prezo de preto de 220.000€ e que gañou a devandita compañía por 204.344,99€ (IVE incluído).

As obras van consistir na renovación de máis de 1,2 quilómetros lineais de beirarrúas en cinco viais do casco urbano de Cedeira, con financiamento procedente do POS+Adicional por maior achega da Deputación da Coruña.

O proxecto contempla a substitución das beirarrúas en ambas marxes, salvo no caso da rúa López Cortón, na que as obras só afectarán a unha. Levantarase o pavimento e o bordo actual, que se atopa bastante deteriorado, e colocaranse outros novos. Nas rúas Avenida de España, López Cortón, Camiño de Pitilleira e Salinas as novas pezas serán de formigón granallado, mentres que na Ponte Nova empregarase a pedra granítica.

Ademais, as obras aproveitaranse para dotar dun maior ancho ás beirarrúas na Avenida de España, no tramo que vai da rúa México á de As Pontes. Alí, o espazo destinado aos peóns ampliarase ata ter 1,80 metros de ancho, corrixindo a estreitura actual.

A realización destas obras vai emendar algunhas das eivas detectadas no Plan de Mellora da Mobilidade Urbana de Cedeira, en canto ao deterioro do firme nalgunhas rúas e á falta de espazos amplos para o tránsito dos peóns, como é o caso da Avenida de España, onde se vai ensanchar a beirarrúa.

O CONCELLO LICITA OBRAS DE MELLORA EN PRETO DE DOUS QUILÓMETROS DE PISTAS DE ACCESO A PARCELAS AGRÍCOLAS

O Concello de Cedeira ten en proceso de licitación a obra de “Mellora da capa de rodadura de camiños municipais”, unha actuación que o goberno local vai acometer no marco da convocatoria do Plan de Camiños Rurais de acceso a parcelas agrícolas da axencia Agader. Os traballos saen a concurso cun presuposto de 57.800€, dos que 43.986€ serán financiados coa subvención concedida pola axencia autonómica e os 13.814€ restantes irán a cargo dos orzamentos locais.

Concretamente, as obras realizaranse nas pistas de Condomiñas, Espiñaredo e Casal María, que teñen en común o estado de deterioro actual do firme. Os traballos consistirán en limpar as marxes e rechear as fochancas con pedras, aplicando unha triple capa de rego asfáltico nas dúas primeiras e unha de mestura bituminosa na terceira. O camiño de maior percorrido é o de Condomiñas, que ten 1,3 quilómetros. En total, a intervención abranguerá 1,8km.