Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O Concello contrata por 207.697 euros a obra de accesibilidade da biblioteca municipal

O CONCELLO CONTRATA POR 207.697 EUROS A OBRA DE ACCESIBILIDADE DA BIBLIOTECA MUNICIPAL

O Concello de Cedeira vén de contratar a obra de accesibilidade da biblioteca municipal, unha intervención orzamentada en case 250.000 euros e adxudicada por 207.697,26 á empresa Prace, Servicios y Obras SA. O prazo de execución dos traballos é de seis meses.

O equipo de goberno recoñece que se trata dun dos proxectos de maior transcendencia social dos que se están a levar a cabo dentro do presente mandato, por canto consiste na mellora da comunicación tanto interior como exterior dunhas instalacións que deben ser accesibles a todo o mundo.

Así, o proxecto previsto consiste no aproveitamento dunha vivenda, adquirida no seu día polo Concello, para a realización dun novo edificio de comunicación vertical, e na reforma da planta baixa -agora ocupada polo Xulgado de Paz- co fin de incrementar as actuais dimensións da biblioteca, cuxo primixenia edificación foi construída no ano 1790 e acolleu a sede consistorial. Esta reforma dará lugar a un novo acceso peatonal desde a rúa Consistorio, á habilitación dunha sala de estudo e á creación dun acceso en cada planta coa instalación e posta en funcionamento dun ascensor.

A obra tamén inclúe a mellora do alumado existente coa colocación de luminarias tipo led, tanto no teito como nos postos de lectura, así como a colocación de novas estanterías e a reparación das actuais. Levarase a cabo así mesmo a instalación dun sistema contra incendios e a construción dun aseo para persoas con discapacidade na primeira planta.

Limpeza do Condomiñas
Despois das realizadas nos últimos catro meses, o Concello de Cedeira, xunto á Asociación de Amigos dos Ríos, convoca para este domingo, día 8 de outubro, unha nova campaña de retirada de refugallos do leito do río Condomiñas. Así, como en anteriores ocasións, o punto limpo será o lugar de encontro para todas aquelas persoas que desexen colaborar.

A actividade levarase a cabo entre as 11.00 e as 14.00 horas. O Concello porá a disposición dos participantes os contedores e bolsas, mentras que eles terán que levar botas e guantes. O Concello anima á participación dos veciños.

O Concello mellora o parque móbil municipal coa compra dun camión para a área de servizos

O CONCELLO MELLORA O PARQUE MÓBIL MUNICIPAL COA COMPRA DUN CAMIÓN PARA A ÁREA DE SERVIZOS

O Concello de Cedeira vén de sacar a licitación a compra dun camión con plataforma elevadora, por importe de 59.997 euros (IVE incluído), para tratar de rebaixar os prazos de execución das obras municipais e darlle unha maior podutividade á xornada laboral do persoal de servizos ao longo de todo ano. O vehículo que se utilizaba ata agora ten máis de 25 anos, foi matriculado no ano 1992, e obligatoriamente ten que pasar revisións cada seis meses.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, entende que a compra mellorará considerablemente o parque móbil do Concello e con el a eficacia dos servizos municipais á hora de acometer traballos de alumeado, entre outros moitos.

A compra realizarase mediante procedimento negociado sen publicidade e as condicións do mesmo poden ser consultadas na páxina web do Concello, a través do perfil de contratante. O subministro do camión será no prazo de dous meses desde a asinatura do contrato.

Entre outras características, o camión terá que ter as seguintes: motor diesel de catro cilindros en liña, dirección asistida, unha caixa con seis velocidades e frenado con control hidráulico. En canto á plataforma elevadora terá que subir alomenos 14 metros desde o chan, dispor de nivelación automática e un xiro en cesta de 100 graos. O camión será de cor branco e levará nas dúas portas o escudo do Concello de Cedeira.

O Concello acomete obras de mellora e ampliación das beirarrúas na rúa Moeche

O CONCELLO ACOMETE OBRAS DE MELLORA E AMPLIACIÓN DAS BEIRARRÚAS NA RÚA MOECHE

Con fondos propios e a cargo de persoal laboral do Concello, o goberno cedeirense está a acometer a reparación e ampliación das beirarrúas na rúa Moeche.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, estimou nuns 7.000 euros o valor que acadarían nunha contratación externa estes traballos, que consisten na reposición do pavimento dañado e a construción dun tramo de 25 metros que quedara sen facer. En total serán 60 os que serán mellorados.

A obra xa se atopa en fase de execución e os responsables municipais consideran importantes este tipo de actuacións porque veñen garantir a seguridade dos condutores e peóns que circulan pola devantida rúa.