Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

O goberno asegura que xa está a traballar en alternativas para garantir a seguridade no acceso á pista de PUMPTRACK

O GOBERNO ASEGURA QUE XA ESTÁ A TRABALLAR EN ALTERNATIVAS PARA
GARANTIR A SEGURIDADE NO ACCESO Á PISTA DE PUMPTRACK

O goberno de Cedeira sae ao paso das críticas do PP pola fala de medidas de seguridade e problemas no acceso á pista de pumptrack, asegurando que se está a traballar en varias alternativas para garantir a seguridade dos usuarios da instalación, “unha actuación que para nós será de máxima prioridade na súa execución cando entren en vigor os novos orzamentos”.

Por esa razón, os responsables municipais din non estar dispostos a que “o PP de Cedeira nos veña a dar ningún tipo de lección e fale da importancia da seguridade cando, no seu último mandato (ano 2013) o goberno de Luis Rubido construíu o skate park da Madalena sen medidas de protección para casos de caídas e sen ter en conta o sinalado no anteproxecto”. Esto vén a confirmar, segundo o executivo, “a súa irresponsabilidade ao fronte da corporación municipal, ao poñer en risco a seguridade dos nenos e nenas que alí xogan”. As medidas recollidas no anteproxecto detallaban a necesidade de instalar 40 metros lineais de varanda, dun metro de altura e por importe de 4.852 euros, para evitar posibles caídas laterais nas tres rampas. Ese elemento non chegou a instalarse.

Tamén destacan desde o goberno de Cedeira “a pouca memoria que teñen os responsables do PP local cando no expediente do skate park tamén existe un informe desfavorable do interventor do Concello, todo un despropósito nunha tramitación conforme á legalidade e un reflexo máis dos tempos escuros da alcaldía de Luis Rubido”, aseguran.

Sobre esta cuestión do informe, o executivo local incide en que na factura daquela intervención non consta a adxudicación previa por parte do alcalde ou da xunta de goberno nin existen os tres orzamentos sinalados nas bases de execución. Tampouco está acreditada a dispoñibilidade dos terreos, xa que faltaba o informe favorable de Costas, e tamén existe unha diferencia económica de case 10.000 euros do importe inicialmente previsto (20.015,69 euros) ao finalmente executado, que ascendeu a 10.663 euros e foi realizado en dúas fases. Este último dato vén indicar, segundo o executivo cedeirense, que foron eliminadas as partidas dedicadas a garantir a seguridade dos usuarios, “neste caso a dos máis pequenos”.

Todos estes feitos poñen de manifesto unha vez máis como “estivo a traballar o goberno de Luis Rubido, cunha falta total de xestión e transparencia na maioría dos expedientes de contratación e, como neste, incumprindo os informes dos técnicos e sacrificando a seguridade dos nenos”

O Concello valora a posibilidade de instalar cámaras de seguridade polos reiterados actos de vandalismo na praza da constitución

O CONCELLO VALORA A POSIBILIDADE DE INSTALAR CÁMARAS DE SEGURIDADE POLOS REITARADOS ACTOS DE VANDALISMO NA PRAZA DA CONSTITUCIÓN

O Concello de Cedeira non descarta instalar cámaras de seguridade no contorno no parque infantil, situado na praza da Constitución, dados os reiterados actos vandálicos que se están a producir nesta zona da vila cedeirense. Os últimos tuvieron lugar esta pasada fin de semana e xunto aos ocorridos noutras ocasión xa son 16 os metros lineais do peche perimetral que o Concello de Cedeira terá que repoñer. O custo desta obra estímase nuns 2.500 euros.

O equipo de goberno, partidario tamén de presentar a correspondente denuncia ante a Garda Civil, está a valorar a posibilidade de instalar un peche antivandálico a fin de garantir a conservación dunha estrutura que recibe a visita a diario de moitos nenos da vila.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, recoñeceu estar triste polo pouco respecto que están a demostrar algunhas persoas polos bens que “son de todos e todos temos a obriga de coidar e utilizar”. O concello, segundo Moreda, tampouco vai quedar de brazos cruzados ante un problema de vandalismo que nos últimos meses está a crecer.

Cedeira utilizará o fondo de compensación ambiental para contratar persoal e investir no alumbrado e nos pasos de peóns

CEDEIRA UTILIZARÁ O FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL PARA CONTRATAR PERSOAL E INVESTIR NO ALUMBRADO E NOS PASOS DE PEÓNS

Tres son as actuacións que o Concello de Cedeira vén de solicitar este ano do Fondo de Compensación Ambiental, un programa dirixido a financiar obras e servizos públicos para a protección do medio ambiente.

Este tamén é o obxectivo que está detrás dos proxectos que Cedeira vai levar a cabo con cargo a un orzamento de 88.558 euros. As actuacións incluídas son a contratación durante un período de catro meses dun técnico de medio ambiente e seis peóns para tarefas de mantemento, promoción de zonas verdes e espazos naturais; continuar coa ocultación parcial dos colectores de lixo en nove puntos máis de recollida e mellorar a eficiencia enerxética dos farois públicos e iluminar os pasos de peóns situados na praza de Galicia, nas avenidas Area e Zumalacárregui e na rúa Cuartel.

As cuantías deste conxunto de proxectos están entre os 44.177,72 euros previstos para as contratacións laborais e os 8.097,32 necesarios para a obra dos colectores, pasando polos 36.283,06 euros que se investirán nas obras de iluminación. Con respecto a esta última intervención cabe apuntar que dará continuidade ás xa executadas nas avenidas Castalao e Area. Consistirá, polo tanto, na substitución de lámpadas de vapor de sodio por leds, no caso dos farois, e na instalacións de dispositivos, tamén led, para advertir aos condutores da presenza de peóns nas beirarrúas. Reducir a contaminación, disminuír a emisión de dióxido de carbono e un significativo aforro tanto económico como enerxético, ademais de aumentar en gran medida a seguridade dos peóns ao cruzar a estrada, son algúns dos beneficios contemplados nesta obra.