Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

A asociación sobre rodas xa ten un novo transporte

A ASOCIACIÓN SOBRE RODAS XA TEN UN NOVO TRANSPORTE

A asociación sociocultural de discapacitados Sobre Rodas xa ten un novo transporte para ofrecer servizo aos 350 socios que a día de hoxe ten esta entidade na vila de Cedeira. Trátase dun vehículo de segunda man, adquirido por 12.000 euros, que aínda carece de plataforma para que poida ter a consideración de adaptado.

A asociación contou coa colaboración económica da entidade bancaria La Caixa e do gran apoio que para a causa representou tanto a actuación, o pasado 15 de setembro, da cantante local Irene Caruncho en el auditorio da vila como o festival de Pakolas. De feito, a cantante xa ten comprometida unha nova actuación en Cedeira co fin de seguir contribuíndo ás necesidades que poida ter a Asociación sobre Rodas. Neste caso, será o día 8 de decembro.

Pero antes disto, a entidade foi quen de organizar un festival solidario que terá lugar o día 10 de novembro no auditorio, a partir das oito da tarde. O prezo da entrada será a vontade e a finalidade da convocatoria é reunir cartos para a compra de material ortopédico e para poñer a plataforma ao novo vehículo. As actuacións estarán a cargo do coro infantil Sobre Rodas, o grupo Herbeira, o conxunto de acordeóns e as intérpretes Arancha Bouza e Lydia Orizales.

Convocado o premio Concepción Arenal 2017

CONVOCADO O PREMIO CONCEPCIÓN ARENAL 2017

Coa finalidade de promover políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero na poboación infantil e adolescente, a Deputación da Coruña convoca un ano máis, o premio Concepción Arenal anualidade 2017 no marco das actividades con motivo da conmemoración do 25 de novembro do 2017 ” Día contra a violencia de xénero”, co obxecto de premiar o compromiso e implicación dos centros educativos públicos da provincia, que presenten un proxecto educativo que promova a igualdade entre homes e mulleres, levando a cabo medidas para a erradicación da violencia e encamiñadas á consecución da igualdade real.

O prazo de admisión de proxectos pecharase o 14 de novembro de 2017.

Pode consultar máis información nas seguintes ligazóns:

IR Á LIGAZÓN Tríptico informativo do Premio Concepción Arenal 2017

IR Á LIGAZÓN BOP nº 195 do 13 de outubro de 2017. Premio Concepción Arenal: proxectos educativos pola igualdade de xénero 2017

As demandas da poboación de Cedeira en materia de sanidade reuniron onte a unhas 300 persoas diante do Centro de Saúde

AS DEMANDAS DA POBOACIÓN DE CEDEIRA EN MATERIA DE SANIDADE REUNIRON ONTE A UNHAS 300 PERSOAS DIANTE DO CENTRO DE SAÚDE

Unhas 300 persoas asistiron onte á concentración convocada polo equipo de goberno de Cedeira (PSOE, BNG, Anova) para esixir á Xunta, e ao Sergas en particular, que se tomen as medidas necesarias para garantir unha atención pediátrica continuada, así como para contar cun médico de reforzo e para que se cubran as prazas dos médicos que estean de vacacións o de baixa.

A mobilización, que arrincou pasadas as once da mañá e que tivo lugar diante do centro de saúde, foi secundada polo persoal sanitario e de administración do centro médico, por representantes de moitas entidades locais e por unha morea de veciños que viron na convocatoria a posibilidade de apoiar coa súa presenza no acto o acordo plenario que a corporación municipal adoptou na sesión do día 27 de setembro en demanda dunha sanidade pública de calidade.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, foi precisamente o encargado de ler os contidos dunha moción que resultou aprobada por unanimidade e que agora se fará chegar aos responsables da área sanitaria de Ferrolterra xunto ás máis de 320 sinaturas recollidas estes días nas farmacias da localidade, no Concello e mesmo tamén na oficina de turismo. A campaña aínda segue aberta.

Moreda Gil agradeceu a resposta dos participantes e destacou o bo funcionamento do centro de saúde e a profesionalidade das persoas que traballan nel, pero tamén esixiu diante dos/as concentrados/as que o Sergas garanta todo o ano o servizo de pediatría, incluídos os meses de verán; que incremente o persoal facultativo en períodos de vacacións, nos que a vila de Cedeira chega a triplicar a súa poboación habitual, e que exista sempre un médico de reforzo.

Dous minutos de silencio e varios momentos de aplausos foron as dúas últimas imaxes dun acto que o equipo de goberno valorou de maneira moi especial pola presenza da moita xente que tivo que facer unha parada no traballo para asistir, empezando polo persoal do propio centro de saúde.