Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A XV Xuntanza de Palilleiras será o sábado no Polideportivo de Cedeira

A XV XUNTANZA DE PALILLEIRAS SERÁ O SÁBADO NO POLIDEPORTIVO DE CEDEIRA

A Xuntanza de Palilleiras de Cedeira chega este ano á súa decimoquinta edición. O programa, organizado pola Asociación de Amas de Casa e co que colaboran o Concello e máis a Deputación, terá lugar o próximo sábado, día 20, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Segundo as estimacións, serán arredor de cincocentas persoas as que este ano participen nunha celebración na que haberá exposición e venda de traballos, agasallos, sorteos e demostracións en vivo de patchword, encaixe e bordado tradicional. Moitos dos asistentes chegan de fóra.

As actividades darán comezo coa apertura do polideportivo municipal para acoller aos participantes así como aos primeiros visitantes das moitas persoas que ao longo do día pasarán por estas instalacións deportivas.

O primeiro dos sorteos terá lugar á unha da tarde. Botellas de viño, estancias para dúas persoas en aloxamentos da zona, roupa e ata décimos de lotería só son algúns dos agasallos que a organización rifará este ano grazas á axuda desinteresada do comercio, da hostalería e de negocios de Cedeira para facer aínda máis atractiva unha celebración que incide moi positivamente na economía local. Un segundo sorteo celebrarase a media tarde e tamén haberá agasallos para a persoa de máis idade, para a máis nova, para a agrupación máis numerosa e a que chega desde máis lonxe.

A presidenta das Amas de Casa, Ángeles Villar Fraguela, agradece a colaboración recibida por parte de entidades, empresarios e da veciñanza para celebrar unha cita que xa está a ser todo un clásico no arranque da tempada de outono na vila de Cedeira, ademais de invitar aos veciños da contorna a achegarse o próximo sábado á Cedeira para participar na Xuntanza.

A día de hoxe á Asociación de Amas de Casa de Cedeira pertencen unhas oitenta persoas. A entidade traballa a prol de conservar a tradición das labores feitas a man pero tamén contribúe á dinamización social da vila con cursos e mesmo co recoñecemento anual á “Muller da vila”.

A actuación de mellora da estrada de Cedeira a Valdoviño contempla a implantación de carrís de adiantamento e melloras no trazado

A ACTUACIÓN DE MELLORA DA ESTRADA DE CEDEIRA A VALDOVIÑO CONTEMPLA A IMPLANTACIÓN DE CARRÍS DE ADIANTAMENTO E MELLORAS NO TRAZADO

Os alcaldes de Cedeira e Valdoviño, Pablo Moreda e Alberto González, xunto á primeira tenente de alcalde da vila, María Xosé Rodríguez, desprazáronse a Santiago para coñecer as intervencións de mellora deseñadas pola Xunta

As xestións de Cedeira e Valdoviño ante a Xunta traduciranse a curto prazo en actuacións concretas en zonas quenon requiren avaliación ambiental

Os obxectivos: mellorar a mobilidade, reforzar a seguridade vial e acurtar os tempos de percorrido facilitando a súa conexión co resto de Galicia

Valdoviño, 16 de outubro de 2018. Lograr unha mellor mobilidade, á par que se reforza a seguridade vial, e reducir os tempos de percorrido entre os municipios de Cedeira e de Valdoviño, facilitando así a súa conexión coas principais cidades galegas, é un obxectivo prioritario para ambos concellos e, nos últimos tres anos, un traballo conxunto no que hoxe se deu un paso adiante. Os alcaldes de Cedeira, Pablo Moreda, e Valdoviño, Alberto González, xunto á primeira tenente de alcalde da vila, María Xosé Rodríguez, desprazábanse ata Santiago de Compostela para manter unha xuntanza de traballo co Xefe de Planificación e Programación da Consellería de Medio Ambiente, Carlos Lefler, e a súa homóloga de Proxectos, María Jesús Tejada. A eles incorporábase tamén o Director Xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez. No encontro, dábase a coñecer a proposta de mellora na AC566, estrada de titularidade autonómica máis coñecida como estrada de Cedeira a Valdoviño.

Nese documento, recóllense toda unha serie de actuacións a executar a curtomedio prazo, xa que non requiren de estudos de avaliación ambiental previos que, sen dúbida, aplazarían as solucións durante anos. Medidas máis ambiciosas ás que non renuncian ambos concellos, pero ás que non queren esperar sen adoptar actuacións previas que permitan mellorar a mobilidade nun curto espazo de tempo. Esas actuacións concretas concentraranse especialmente nos primeiros quilómetros da estrada, e contemplan a implantación de dous carrís de adiantamento de 700 e 1.700 metros. Unha medida que desconxestionará sen NOTA DE PRENSA dúbida o tráfico nun tramo con tránsito habitual de vehículos pesados. Melloras no trazado, especialmente coa corrección de curvas, completan as intervencións propostas.

Ademais, na xuntanza, os responsables municipais trasladaron a necesidade de incorporar algunha outra actuación concreta como habilitar un terceiro carril para facilitar os adiantamentos na zona do Barral, en Esteiro. Así mesmo, tamén se solicitou a actuación na intersección da estrada AC566 co vial provincial de acceso ó CPI Atios, na mesma entrada ó núcleo urbano de Valdoviño.

Esta e outras propostas serán agora estudadas polo departamento autonómico co ánimo de incorporalas ó documento, paso previo para a súa aprobación e inicio do expediente administrativo para sacar a contratación as intervencións. Precisamente, o compromiso adquirido pola Xunta foi ter concluído o proxecto constructivo antes de que remate o ano de modo que a partir de aí pase a información pública. Así, o alcalde de Cedeira e o de Valdoviño solicitarán unha entrevista co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para impulsar o proxecto.

 

O Condomiñas, un señor río

O CONDOMIÑAS, UN SEÑOR RÍO

Continúa o desbroce da ribeira do río Condomiñas, así como a retirada do seu cauce tanto do arbolado morto que dificulta o seu decorrer e propicia os desbordes en certas épocas do ano como de grandes cantidades de plásticos e todo tipo de enseres que remataron alí polo incivismo dunha minoría con nula sensibilidade medioambiental e que pensa que o río é unha esterqueira.

Trátase do treito que comeza na ponte da Acea, augas arriba, e que permite o paseo ao longo de case dous kilómetros, aínda que con certas dificultades que se irán solucionando pouco a pouco. O polígono da Xunqueira segue a ser un obstáculo insalvable pola marxe esquerda (un par de naves impiden o paso), polo que se recomenda iniciar o percorrido pola marxe dereita e cruzalo por algunha das dúas pontelas existentes, que se irán mellorando co tempo e cuxo número se verá incrementado.

Convidamos a todo o mundo a que desfrute do paseo, dos paxaros, peixes e árbores de gran porte. O río parece outro, mesmo máis grande e espectacular agora no outono. Non podemos volver tolerar que a maleza nos prive deste noso pequeno paraíso.