Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Doazón de sangue 26-27 outubro en Cedeira

DOAZÓN DE SANGUE 26-27 OUTUBRO

O 26 e 27 de outubro estará a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) en Cedeira. Achégate e agasalla vida!

Adíca 2 minutos para decidir se salvas unha vida

Amosamos historias de persoas que doan sangue e de doentes que sairon adiante grazas a solidariedade doutros:

Geni e Chus

Ana e Carlos

Ana e Ignacio

María e Juan

Cris e Andrés

O sangue non se pode fabricar e so é posible obtelo grazas á doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a saúde.

Todos os días o precisan moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro, leucemia, transplantes de órganos…

Desde 1985, a doazón de sangue por lei é un acto voluntario, altruísta, anónimo, universal e gratuíto.

Cada día, os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para atender unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.

#súmateaonosoequipo

Máis información:

Teléfono: 900 100 828 e 881546900

http://ados.sergas.es

Twitter: @doadoressangue

Facebook: https://www.facebook.com/doadoressangue

Canal Youtube https://www.youtube.com/channel/UCL2vp0q1nmFBV9zsQacs4oQ

Un total de 16 locais participarán no primeiro concurso de tapas de outono

UN TOTAL DE 16 LOCAIS PARTICIPARÁN NO PRIMEIRO CONCURSO DE TAPAS DE OUTONO

Un total de dezaseis locais de hostalería de Cedeira tomarán parte no primeiro concurso de Tapas de Outono, organizado polo Concello, que se celebrará a última fin de semana do mes (días 27 e 28).

A idea é promocionar a hostalería local, fomentar a gastronomía da zona e aproveitar esta época do ano para ofrecer unha oferta gastronómica diferente da habitual, segundo os convocantes.

Os locais participantes terán que ter en conta que é obrigado facer uso de produtos de tempada, como poden ser os cogomelos, as castañas ao as cabazas, así como presentar unha única tapa feita expresamente para o certame. O xurado estará formado polas persoas que proben as tapas e para poder participar só é preciso cubrir a tarxeta de votación que haberá en todos os locais participantes.

A organización establece así mesmo o feito de degustar cinco propostas distintas para poder emitir o voto. Serán os propios encargados dos locais os que terán que selar ou asinar a tarxeta de votación para validala e, aínda que se recomenda probar todas as tapas e conseguir o maior número de selos, só será posible votar por cinco dos locais visitados. Non se pode repetir unha puntuación, que vai de 1 a 5 puntos e só se admitirá unha tarxeta por persoa sempre que cumpran os requisitos esixidos.

O prezo das tapas será de 1,5 euros por unidade e todos aqueles que participen cun voto válido serán incluídos no sorteo dunha cea para dúas persoas no local gañador do concurso.

Os negocios de hostalería participantes nesta primeira edición do certame son: Restaurante Brisa, T. Praza do Peixe, mesón San Antón, mesón JoJó, mesón Marieta, restaurante Vila Vella, mesón A ría, mesón A Balandra, cervecería Rosi, mesón O Amanexo, pizzería Sheriff, cafetería Auditorio, O Mesón, bar California, mesón Alitas e bar o Marisco.

O grupo teatro semente actuará este sábado no auditorio coa obra “htc (hoxe toca rir)”

O GRUPO TEATRO SEMENTE ACTUARÁ ESTE SÁBADO NO AUDITORIO COA OBRA “HTC (HOXE TOCA RIR)”

O Ciclo de Teatro Afeccionado terá continuidade este sábado, día 20, coa posta en escena da obra “HTC (Hoxe Toca Rir)” a cargo da agrupación Teatro Semente (Neda). Será ás 20.00 horas no auditorio municipal e o prezo da entrada é de dous euros.

Trátase dunha obra sobre a violencia de xénero. Unha representación que se interrompe por momentos para que un grupo de vítimas doutros tempos animen, critiquen e reflexionen sobre o pasado, o presente e o futuro da muller.

O ciclo, organizado polo grupo Teatro da Vila, pecharase o día 28 coa interpretación do grupo O Aturuxo de Melpómene (Narón) do texto “Terapia de bar”.