Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira expón as doce obras gañadoras dos catro certames de pintura rápida “Vila de Cedeira”

O goberno de Cedeira invita a visitar a exposición que, a partir de hoxe, estará aberta ao público no Palacete municipal e na que se están a mostrar as obras gañadoras do Certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”.

Trátase dun total de doce pinturas nas que se recollen algúns dos lugares máis característicos e pintorescos da vila. Cedeira foi pioneira na organización dunha convocatoria que este ano chegou a súa cuarta edición. Nela tomaron parte un total de 14 artistas e Andrés Gabarres Cagiao foi o primeiro clasificado cunha pintura da praza da Rectoral.

A mostra pódese ver de luns a venres en horario de 9.00 h a 14.30 horas, e os sábados de 10.00 h a 14.00 horas.

Cedeira inviste case 60.000 euros na conservación da carpintería dos escolares de Piñeiro e Esteiro

O Concello de Cedeira está a levar a cabo un labor de conservación dos centros sociais coa realización de obras que axuden a súa conservación e uso. O goberno municipal entende que “se trata de espazos que favorecen a convivencia, fomentan a cultura e axudan a manter viva a memoria colectiva”.

Na actualidade, esta política estase a materializar nos antigos escolares de Piñeiro e Esteiro, cuxo importe de adxudicación ascende a 59.470 euros. Trátase dun paquete de actuacións que, executadas pola empresa Carpintería López e Villadóniga, contribuirán á conservación da carpintería interior e exterior das dúas escolas. Basicamente a intervención consistirá na restauración de portas, ventás e contraventás de edificios que foron construídos a principios do século XX co diñeiro da emigración.

Os traballos comprenderán a retirada da pintura, a substitución da madeira e dos elementos deteriorados, a recuperación das ferraxes e a aplicación de aceites vexetais e de ceras naturais para garantir a súa conservación.

O goberno de Cedeira anuncia a súa intención de trasladar este tipo de accións a outras sedes, por considerar que forman parte dos seus compromisos coa veciñanza en materia social.

A sociedade “Hijos del Ayuntamiento de Cedeira en La Habana” financiou a construción do escolar de Piñeiro, un edificio do ano 1927 e que hai pouco recuperou a placa conmemorativa. A construción do escolar de Esteiro remóntase ao ano 1924 e estivo financiada pola “Sociedad de la Ilustración e Beneficiencia Progreso”, con sede en La Habana.

Subvencións para comisións de festas das parroquias

SUBVENCIÓNS PARA COMISIÓNS DE FESTAS DAS PARROQUIAS

O Concello destina 4.000 euros a subvencións para comisións de festas parroquiais. Estes colectivos teñen 15 días de prazo (contados desde o 2 de novembro) para solicitar a súa axuda, que poderá cubrir a totalidade do gasto proposto, sen pasar o tope de 400 euros por entidade. No «Boletín Oficial da Provincia» do día publicáronse as bases.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Subvencións para comisións de festas das parroquias