Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Doazón de sangue do 5 ao 6 de xullo en Cedeira

DOAZÓN DE SANGUE DO 5 AO 6 DE XULLO

O 5 e 6 de xullo estará a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) en Cedeira. Achégate e agasalla vida!

  • Súmate se tes entre 18 e 65 anos e pesas máis de 50 quilos ( persoal sanitario revisará a túa saúde antes da doazón e utilizará material estéril dun só uso).
  • Non esquezas traer o teu DNI.
  • Non acudas sen almorzar e despois de xantar espera 2 horas.
  • Informa ao médico se estás a tomar algún medicamento.

Máis información:
Web: http://ados.sergas.es
Twitter: @doadoressangue
Facebook: https://www.facebook.com/doadoressangue

O XVIII Festival de Habaneras de Cedeira será este sábado no Auditorio Municipal

O XVIII FESTIVAL DE HABANERAS DE CEDEIRA SERÁ ESTE SÁBADO NO AUDITORIO MUNICIPAL

O Concello de Cedeira colabora, xunto á Confraría de Pescadores e a Xunta de Galicia, na celebración do XVIII Festival de Habaneras que, organizado pola coral da terceira idade Estrelas do Mar, terá lugar este sábado no auditorio municipal.

A actividade dará comezo ás 20.30 horas e na mesma, ademais da agrupación organizadora, intervirán a coral polifónica Alborada, de Cabral (Vigo) e Armonía, de Ferrol.

Trátase de render tributo a un estilo musical que chegou coa emigración pero que xa forma parte do sentir musical de Galicia, segundo explicou a presidenta da coral local, Carmen Yáñez. A día de hoxe, un total de 32 voces están vinculadas á agrupación. “Eu son mariñeiro”, “Salió de Jamaica” e “Linda flor” son algúns dos temas que o sábado sonarán no auditorio municipal de Cedeira.

Cedeira asina un convenio coa Deputación para garantir dez actuacións culturais de calidade

CEDEIRA ASINA UN CONVENIO COA DEPUTACIÓN PARA GARANTIR DEZ ACTUACIÓNS CULTURAIS DE CALIDADE

O Concello de Cedeira vén de subscribir un convenio coa Deputación da Coruña polo que garante un total de dez actuacións, entre musicais e teatrais, ao longo do presente ano.

O acordo foi asinado o luns na sede provincial nun acto que contou coa presenza do deputado Xosé Regueira Varela, en representación do presidente en funcións Valentín González Formoso, e a do alcalde, Pablo Moreda Gil.

O rexedor municipal destacou a magnífica colaboración que o Concello vén mantendo coa administración provincial e valorou a axuda que a Deputación presta a municipios como o de Cedeira para contar cunha programación cultural de calidade.

Nesta ocasión, a institución provincial achegará 41.454 euros (60%) dos algo máis de 69.000 euros orzamentados na participación do Concello no programa “Alicerce” (dirixido a grupos de música, danza e teatro non profesionais), no ciclo “Escena ao Vivo” (espectáculos de intérpretes profesionais de música) e no programa de espectáculos profesionais de teatro e monicreques. A administración local contribuirá ao fomento da cultura con máis de 27.600 euros (40%).

Entre outras actuacións están previstas a da compañía ortegana Ultreia, o grupo de rock galego Heredeiros da Crus, o tenor Borja Quiza, a formación Brassica Rapa, Fantoches Baj, o dúo Ella e Dylan, e as compañías Culturactiva, Rilo &Penadique, Rojo Telón e Larraitz Urruzola.