Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

MELCHOR, GASPAR E BALTASAR VISITARÁN CEDEIRA NA TARDE DO VENRES E RECOLLERÁN AS CARTAS DAS CRIANZAS

Os Reis Magos visitarán este venres a vila de Cedeira, horas antes da noite na que reparten agasallos ás crianzas. A súa cabalgada percorrerá as rúas da localidade a partir das 18.00 horas e deterase no Auditorio Municipal, sobre as 19.00h, para recoller de xeito personalizado as cartas dos nenos e nenas que queiran achegarse a eles. A continuación, sobre as 19.30h, participarán tamén nunha festa infantil que se vai desenvolver nas instalacións do CEIP Nicolás do Río, na que haberá xogos inchables e unha merendola con chocolate quente e roscón ou bola.

A cabalgata sairá desde o colexio Nicolás do Río e tomará o Camiño Real da Madalena. Percorrerá despois a avenida Castelao, a rúa Ezequiel López na zona vella, praza de Galicia e avenida da Area. O Concello contou coa colaboración das asociación Mulleres da Vila, Aturuxeiras, a ANPA Picapeixe, Protección Civil e Buxainas, cuxa banda de gaitas irá animando o percorrido.

O programa de actividades de Nadal promovido polo Concello culminará na noite do 6 ao 7 coa Festa de Reis, que se vai desenvolver baixo a carpa instalada na praza Roxa a partir das 23.30h. A verbena estará amenizada pola orquestra Olympus.

Ata hoxe, día 4, mantense o parque de xogos no Polideportivo Municipal. Alí, de 16.30 a 20.30h, funcionan unha zona de obradoiros e tres inchables. Hoxe venres, última tarde de programación, montarase un circuíto para cars a pedais e rollers e outro circuíto de coches de radiocontrol. A entrada é de balde.

O CONCELLO DE CEDEIRA INICIA CO ALUMNADO DE 3º DE ESO O CUARTO PROCESO DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

O alcalde de Cedeira, Diego Pablo Moreda Gil, e o concelleiro de Mocidade, Noel López, participaron recentemente na sesión de arranque do cuarto proceso de Orzamentos Participativos no IES Punta Candieira. Un ano máis, o Concello implica neste programa ao alumnado de terceiro curso de ESO, confiándolle a decisión sobre o investimento de 20.000€. Un parque de calistenia e un ciclo de auto-cine, a mellora da pista do Floreal e a compra de novo equipamento para o ximnasio municipal foron as actuacións acometidas nas tres edicións anteriores.

Os orzamentos participativos, tal e como destaca o alcalde, representan un exercicio de democracia no que os rapaces e rapazas se implican con moito entusiasmo e interese. Son unha fórmula para aprender como funciona a administración local, cales son os seus órganos de decisión e áreas de xestión, os trámites que hai que cumplimentar, etc. O proceso abrangue o debate do alumnado sobre as necesidades que detectan na súa vila e a elaboración de propostas, que despois serán votadas e deberán pasar polos servizos administrativos do Concello para seren orzamentadas e validadas, no sentido de comprobar que son viables técnica e economicamente.

Segundo o calendario previsto, o alumnado participará de xaneiro a marzo en diferentes obradoiros nos que coñecerán como funciona o Concello, reflexionarán sobre as necesidades do pobo e elaborarán os seus proxectos. En abril analizaranse as propostas polos servizos municipais e xa no mes de maio está previsto que se celebre no instituto a asemblea na que rapaces e rapazas votarán entre os diferentes proxectos para elixir aquel ou aqueles que irán ao pleno. Nese mesmo mes de maio presentarase a resolución ante a corporación para a súa aprobación definitiva.
Cómpre recordar que a experiencia de Orzamentos Participativos de Cedeira foi exposta no mes de decembro en Santiago, no marco das V Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia, como exemplo de participación a mocidade no proceso de decisión dunha administración pública. Acudiron ao acto tres representantes do Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Cedeira, que xa antes, en novembro, tivo a súa estrea no XI Foro da Infancia que Unicef celebrou no Parlamento de Galicia. En ambos os dous actos, os voceiros e voceiras da mocidade de Cedeira destacou a importancia de participar no deseño de políticas públicas que tamén lles afectan.

CARREIRA POPULAR E VERBENA NOCTURNA PARA DESPEDIR 2023 E DARLLE A BENVIDA AO NOVO 2024

Cedeira vai pechar o ano entre o deporte e a troula. O programa de actividades organizado polo Concello inclúe para este domingo, día 31 de decembro, a “Carreira Popular de Nadal”, unha cita lúdica e non competitiva con saída desde a praza Roxa ás 12.00h, e xa despois das uvas a Festa de Aninovo coa actuación da orquestra Origen.

A San Silvestre de Cedeira anúnciase coa definición de “carreira/andaina” para destacar o seu carácter aberto e non competitivo. De feito, non é precisa a inscrición e tampouco ten clasificación. A cita deportiva, aberta a todas as idades e na que cada quen corre ou camiña ao seu ritmo, celebrouse por primeira vez no ano 2013 e desde aquela contou todos os anos cunha alta participación -excepto en 2020, suspendida pola pandemia-. O Concello conta coa colaboración do Natación Cedeira para organizar esta proba.

Na mesma praza Roxa na que ao mediodía tomará a saída a carreira, acollerá pola noite a verbena de benvida ao 2024. Comezará á 01.00h e contará coa actuación da orquestra Origen. Despois de que o pasado ano o forte temporal obrigara a suspender a festa e trasladala ao día 6, o goberno local decidiu repetir desta volta nas dúas datas. Así, de novo haberá unha festa de Reis na noite do 6 ao 7, co orquestra Olympus, para pechar o programa festivo de Nadal.

No preámbulo do peche de ano van celebrarse dous concertos organizados pola asociación Ópera Studio. Hoxe ás 20.00h no Auditorio de Cedeira, o barítono Fran Pérez Piñón e a soprano Sara Cayetano Sío interpretarán unha selección de arias de ópera acompañados ao piano por Gabriel López. Mañá venres, ás 19.00h, o Auditorio acollerá un concerto do cuarteto de trompas “Catrocores”, formado por Aida Lozano, Ana Vergara, Mónica García Bereijo e Alma Sarasola.

Entrementres segue a funcionar o parque de xogos no Polideportivo Municipal, con inchables e outras atraccións instaladas e abertas de balde de 16.30 a 20.30h. A novidade de hoxe será a apertura dun espazo con realidade virtual e unha “Interactive Wall”, mentres que mañá e pasado chegará a quenda da Battle Nerf Arena e da Barredora Wipeout. Tamén mañá venres, no mesmo horario, haberá unha festa acuática na piscina municipal, para rapaces e rapazas a partir de dez anos. As atraccións abrirán de novo as súas portas o día 2, cando estará instalado no exterior do Polideportivo o Tirachinas Jumping.