Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A LIMPEZA DA PRAIA DA MADALENA REMATOU CON SEIS CONTEDORES CHEOS DE LIXO, FUNDAMENTALMENTE PLÁSTICO

Arredor de 40 persoas participaron este domingo na limpeza da praia da Madalena organizada pola asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE) e o Museo Mares co apoio do Concello. Segundo clarexou Camilo Casal, presidente da primeira destas entidades, durante as tarefas non apareceron pellets pero si moito material, fundamentalmente plásticos, cos que encheron seis contedores de recollida de lixo. Desde o Concello, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil agradeceu a iniciativa dos organizadores e a participación de todos os voluntarios, entre os que tamén estivo o equipo do goberno local.

A asociación ARCE iniciou con esta limpeza da praia da Madalena unha actividade que pretende repetir en adiante tres veces cada ano, en primavera, outono e decembro. Dada a situación actual, Camilo Casal quixo apuntar que non é convinte que a xente vaia pola súa conta ás praias a limpar pellets, que realmente poden chegar con calquera marea, senón que é esta unha tarefa para facer de xeito profesional ou cunha formación mínima para non danar os areais no empeño de retiralos.

CEDEIRA OPTA, A TRAVÉS DE VIAQUA, ÁS AXUDAS ESTATAIS PARA PROXECTOS DE DIXITALIZACIÓN DO CICLO DA AUGA

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira vén de aprobar recentemente a participación do Concello na solicitude presentada por Viaqua, a empresa concesionaria dos servizos municipais de abastecemento de auga potable e saneamento, na segunda convocatoria de axudas para proxectos de mellora do ciclo urbano da auga. É unha actuación que se inscribiría no PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, que Viaqua acometería tanto en Cedeira como nos municipios das Pontes, Bergondo, Ortigueira e Viveiro. O importe das melloras a realizar no termo de Cedeira ascende a máis de 906.000€ e a subvención estatal, a teor da resolución da primeira convocatoria, pode cubrir ata o 84%.

Dixitalizar o ciclo da auga abrangue actuacións diversas, todas enfocadas a facer unha xestión máis eficiente dun recurso limitado, mellorando con iso a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. Entre ditas actuacións están a sensorización en tempo real das captacións, o control dos consumos a través de contadores intelixentes, a redución das perdas de auga, o control en tempo real das depuradoras de augas residuais e dos verquidos, a creación de xemelgos dixitais…

Un dos requisitos da convocatoria é que cada proxecto ten que incluír un ou varios municipios que atendan, como mínimo, a unha poboación non inferior a 20.000 habitantes. Así, Viaqua presentou a finais de decembro o proxecto para cinco municipios. Segundo a información que publicou o Goberno, o prazo de presentación de solicitudes pechouse con 238 proxectos presentados.

O PROGRAMA DE NADAL DE CEDEIRA TIVO UNHA EXCELENTE ACOLLIDA ENTRE A XENTE DA VILA E DA SÚA CONTORNA

O goberno municipal de Cedeira está agradecido e satisfeito polo desenvolvemento e a boa acollida que tivo o programa de festas de Nadal, cunha chea de actividades que rexistraron moita afluencia tanto da veciñanza como de persoas da contorna. Un ano máis, a aposta por facer do Polideportivo Municipal un espazo de xogos foi un rotundo éxito.

Segundo explicou Noel López, concelleiro de Xuventude, o Polideportivo Municipal recibiu unha alta afluencia todos os días que funcionou e converteuse en lugar de reunión das familias. A programación preveu actividades para diferentes idades, desde as crianzas ata a rapazada, e foi adaptándose ás preferencias da xente. De feito, repetíronse propostas que tiveron unha acollida excepcional, como foi o caso do túnel de realidade virtual. Tiveron tamén unha boa afluencia as dúas festas acuáticas que se programaron na piscina municipal con xogos inchables, en dúas tardes reservadas para nenos e nenas de menos de dez anos e maiores.

Contou cun excelente nivel de afluencia a verbena de Aninovo, na carpa instalada na praza Roxa, pese a que o evento competía con outras festas privadas organizadas na localidade, e cómpre destacar o cheo absoluto da festa de Reis organizada no mesmo lugar, que concitou a presenza tanto de persoas de Cedeira como doutras chegadas de municipios da contorna.

Destacou tamén Noel López o éxito da cabalgata de Reis, cuxo percorrido esperou e aplaudiu o público pese a choiva intermitente. Moita afluencia tivo a continuación o Auditorio, onde nenos e nenas puideron sentar no colo de Melchor, Gaspar ou Baltasar para contarlles os seus desexos e entregarlles as súas cartas, e tamén a festa posterior que se desenvolveu nas instalacións do CEIP Nicolás do Río. A xente ateigou o colexio e compartiu nun excelente ambiente a merendola a base de chocolate, roscón e bola que, como xa é tradición en Cedeira, precede á noite máis máxica do ano.

Por último, celebrou o edil a moita participación e o bo ambiente co que se desenvolveu a carreira popular do día 31 e que por fin puido celebrarse, despois de varios anos nos que a pandemia ou a adversa meteoroloxía obrigara a suspendela.

O Centro de Ocio Xuvenil organizou dúas actividades de Nadal que esperaron grande interese entre os usuarios e usuarias. Así, o 22 de decembro celebrouse un obradoiro de comidas de Nadal no que mozos e mozas se puxeron mans á obra e compartiron a súa creatividade empregando chuches, froita e chocolate. Tivo tamén a rapazada de Cedeira a súa particular despedida de ano na tarde do 29, cando o horario do centro alongouse para chegar ata as once da noite.