Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO LICITA POR PRETO DE 68.000€ AS OBRAS DE MELLORA DO SANEAMENTO DA RÚA MARÍA MEDIADORA

O Concello de Cedeira acaba de sacar a licitación a obra para a implantación da rede separativa e a colocación dun novo firma na rúa María Mediadora, coa que o goberno local vai seguir avanzando na mellora do sistema de saneamento do casco urbano. É unha actuación que sae a concurso polo procedemento aberto simplificado por 67.845,65€ (IVE incluído) e que conta con financiación do Plan Complementario da Deputación da Coruña.

A rúa María Mediadora conta con rede unitaria de saneamento, de maneira que actualmente recóllense as augas residuais das casas e os pluviais a través de sumidoiros que non están conectados aos caleiros dos edificios. As obras abranguerán a instalación dunha nova rede de recollida da auga da choiva, conectando as baixantes. Demolerase o colector unitario existente e sustituirase por unha nova rede de recollida de augas residuais, e finalmente reporase todo o firme da calzada.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 5 de febreiro. O prazo de execución é de dous meses.

A BIBLIOTECA LÓPEZ CORTÓN DE CEDEIRA MANTÉN A TENDENCIA POSITIVA EN ACTIVIDADE E NÚMERO DE ALTAS

A biblioteca municipal López Cortón rexistrou no pasado ano 2023 152 novas altas, co que o número de persoas socias ascende a 5.458 e se mantén a positiva evolución que está a experiementar nos últimos anos. Cómpre destacar tamén o incremento do número de préstamos de libros realizados no pasado exercicio: foron un total de 6.843, unha cantidade que supera nun 30% os que se prestaron o anterior 2022 e nun 78% aos de 2019. Desde o goberno local celebran a popularidade deste servizo e os seus altos datos de actividade en relación coa poboación.

Dos 6.843 libros que a biblioteca López Cortón prestou ao longo do ano 2023, un total de 3.252 foron para lectores e lectoras adultas, mentres que o resto, 3.591 corresponderon ao público infantil. Ademais, deles un total de 5.233 estaban en castelán e os restantes 1.610, en galego.

Na evolución de novas altas de socios, cómpre destacar o bo ritmo que se rexistra nos últimos anos despois da pandemia. Así, durante o 2019 fixéranse 103 novos carnés, un número que decaeu ata os 47 no 2020. A recuperación comezou en 2021, con 79 altas, e en 2022 seguiu con 112.

En canto ao número de préstamos, os datos actuais superan en moito aos do ano 2019 -exercicio no que se realizaron obras, durante as que o servizo se trasladou ao Palacete-. Daquela foron 3.836; pasaron a 2.509 en 2020; 3.228 en 2021; 5.252 en 2022 e os 6.843 do pasado 6.843.

Destaca tamén o número de lectores, é dicir, a conta das persoas que visitan as salas ben sexa para consultar alí calquera texto, estudar ou pedir un libro. No pasado 2023 foron 11.686, fronte aos 10.256 do anterior 2022.

O servizo funciona de luns a venres de mañá e tarde -de 08.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horase sábados pola mañá -de 10.00 a 13.00 horas- e os seus fondos están formados por preto de 32.000 libros, aos que se suma a sección de revistas e películas tanto para o público adulto como infantil.

O goberno local realizou no ano 2019 unhas obras de ampliación e instalación dun ascensor, mellorando a accesibilidade do inmoble. Desde aquela realizáronse tamén outras actuacións para mellorar e actualizar os equipamentos da biblioteca López Cortón.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A DEPUTACIÓN DA CORUÑA COLABOROU COS SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE CEDEIRA DURANTE O PASADO ANO 2023 CON 81.914,92 PARA A FINANCIACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF)

A Deputación da Coruña colaborou cos servizos sociais do concello de Cedeira durante o pasado ano 2023 con 81.914,92 € para a financiación do servizo de axuda no fogar (SAF) na modalidade de libre concorrencia e para cubrir gastos do persoal de departamento. Concretamente o importe concedido con cargo ao Programa de Financiación dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, dirixido a concellos con menos de 20000 habitantes foi destinado a sufragar parte dos salarios dunha auxiliar administrativa, dunha educadora familiar e do persoal auxiliar do SAF.