Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O XEOPARQUE CABO ORTEGAL CONMEMORA O SEU PRIMEIRO ANIVERSARIO CON ACTIVIDADES GRATUÍTAS ABERTAS AO PÚBLICO XERAL

O Xeoparque Cabo Ortegal, recoñecido pola UNESCO como Xeoparque Mundial, celebra neste mes de maio o seu primeiro aniversario. Por este motivo especial, e coincidindo coa Semana dos Xeoparques Europeos, organízase unha completa axenda de actividades divulgativas abertas ao público xeral.

Entre esta oferta de actividades destacan as visitas guiadas gratuítas nas que, en grupos reducidos, poderán explorarse distintos aspectos do Xeoparque. Unhas saídas que resultan axeitadas tanto para as persoas entusiastas da xeoloxía, como tamén para familias que procuran unha actividade educativa á vez que divertida.

Visitas guiadas

Nas fins de semana do 18 e 19 e do 25 e 26 de maio, realizaranse unha serie de visitas guiadas que permitirán coñecer o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas e o Museo Mares de Cedeira, así como achegarse á ornitoloxía, á cultura mariñeira e as XeoRutas da costa e do interior.

  • Visita guiada ao Castelo de Moeche: realizaranse dúas visitas guiadas ao Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, no Castelo de Moeche. A primeira será o 18 de maio, ás 11.30h, e a segunda o 19 de maio ás 17.00h.
  • Visita guiada ao Museo Mares de Cedeira: poderase realizar o 18 de maio ás 16.00h e o 19 de maio ás 11.00h.
  • Ruta de aves e nutrias. Trátase dunha ruta con desprazamentos en coches até 4 ou 5 puntos de observación para ver aves acuáticas. O percorrido rematará cun pequeno roteiro de 3 quilómetros, buscando a ruta da nutria e outro tipo de mustélidos. Será o 25 de maio entre ás 10h, cunha duración de 3 horas.
  • Ruta dos peiraos de Cariño. Nun percorrido de 10 quilómetros, nesta ruta de dificultade media – baixa que parte do Peirao de Cariño pasarase por diferentes peiraos, regresando polo monte contando como fío condutor a cultura mariñeira. Será o 25 de maio de 16 a 20h.
  • XeoRuta de interior. Guiada por Fran Canosa, nesta ruta visitarase a Serra do Forgoselo, as Canteiras de Toelo en Moeche e as Minas de Cobre en Cerdido, desprazándose en autocar (incluído). Terá lugar o 25 de maio entre as 16 e as 20.30h
  • XeoRuta da costa. Guiada por Fran Canosa, esta ruta visita os Cantís da Capelada, Cabo Ortegal e a Costa de Espasante. Inclúe autocar e será o 26 de maio entre as 9.30 e as 14.30 h.

Para participar nestas visitas e roteiros guiados é preciso inscribirse previamente a través da web https://xeoparquecaboortegal.gal/

Charlas divulgativas do Comité Científico

A programación conmemorativa do primeiro aniversario do recoñecemento da UNESCO ao Xeoparque Cabo Ortegal inclúe tamén a celebración de dúas charlas divulgativas online, nas que participarán diferentes membros do Comité Científico do Xeoparque.

O especialista en xeomorfoloxía e membro do Departamento de edafoloxía e química agrícola da USC, Augusto Pérez Alberti, ofrecerá unha conferencia sobre “O patrimonio glaciar do Xeoparque Cabo Ortegal” o día 22 de maio ás 19h.

Pola súa banda, o biólogo da Sociedade Galega de Historia Natural, Xan Rodríguez Silvar, falará dos “Outros valores ambientais da Capelada” nun conferencia que terá lugar o día 23 ás 19h.

Ambas as dúas poderanse seguir en directo desde as redes sociais do Xeoparque Cabo Ortegal, sen necesidade de inscrición previa.

Obradoiros nos Centros Educativos

Varios centros escolares do territorio participarán tamén da Semana dos Xeoparques Europeos coa organización de obradoiros en aula sobre minerais, impartidos polo xeólogo Francisco Canosa. Neles o alumnado poderá achegarse a coñecer a xeoloxía da súa contorna, dunha forma didáctica e práctica.

Acto central

O acto central deste calendario de actividades conmemorativas do primeiro aniversario do Xeoparque Cabo Ortegal terá lugar na Casa da Cultura do Concello de Valdoviño, o venres 24 de maio ás 17.00h.

Tras a benvida e as intervencións institucionais, realizaranse dúas presentacións (“Un ano como Xeoparque Mundial da UNESCO” e “Unha viaxe ao Interior da Terra”, por Ricardo Arenas, membro do Comité Científico). A continuación intervirán as representantes do Foro Español Geoparques e European Geoparks Network, e se fará o recoñecemento ás Entidades Amiga Xeoparque Cabo Ortegal. Este acto está aberto a todo o público ate completar aforo. Poderá seguirse tamén de forma online a través das redes sociais do Xeoparque.

Colaboración da Deputación da Coruña

O proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal está impulsado polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, e conta tamén co apoio da Deputación da Coruña, entidade que financia as actividades conmemorativas deste primeiro aniversario.

UNHA LECTURA DE POEMAS DE LUISA VILLALTA ABRIRÁ ESTE VENRES O PROGRAMA DAS LETRAS GALEGAS EN CEDEIRA

O Concello de Cedeira programou diferentes actos para celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a figura de Luisa Villalta, unha narradora, poeta, ensaísta, filóloga e violinista que falleceu prematuramente á idade de 46 anos. Pese a iso, conta cunha extensa obra, na que se vai recrear o primeiro dos actos propostos polo goberno municipal de Cedeira para celebrar un ano máis a literatura galega. Será unha lectura de poemas o mesmo día 17 de maio, 11.30h na Praza do Concello.

O Auditorio Municipal acollerá os dous actos programados para os dous días seguintes ás 20.00 horas. O sábado chegará o espectáculo de música, poesía e audiovisuais “Seis, Lorca en Galicia”, no que se recitan os seis poemas que Federico García Lorca escribiu en galego. Rafa Fernández é o artífice deste espectáculo que celebra o fito de que o poeta granadino elixira o galego para facer a súa única incursión poética nunha lingua allea.

O programa das Letras Galegas dará paso o domingo ao concerto do músico brasileiro Nanán, un artista independiente procedente do outro lado do mundo. Compositor, luthier, docente e ecoloxista, Nanán fíxose coñecido polo tema “Casa da Floresta”, foi membro do Playing for School Change Brasil e hoxe compaxiña os seus proxectos de autor coa Kosmik Band, unha formación de músicas do mundo con sede en California.

EN CURSO UNHA NOVA ESCAVACIÓN NO SARRIDAL QUE O EQUIPO ARQUEOLÓXICO COMPAXINA CON VISITAS GUIADAS

O equipo de Axa Arqueoloxía vén de iniciar unha nova campaña de escavación no castro do Campo Sarridal, desta volta financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio. De novo as tarefas vanse compaxinar coa divulgación, a través da organización de tres visitas guiadas convocadas para os xoves 23 e 30 de maio e para o 6 de xuño (que inicialmente era este xoves pero acaba de adiarse por mor da choiva) sempre ás 12.00 do mediodía e sen necesidade de inscrición. Tal como explicou Emilio Ramil, o director dos traballos, o ano pasado achegáronse ás visitas tanto veciños e veciñas de Cedeira como doutros municipios da comarca, así como colexios e institutos da contorna. Tamén este ano estase a organizar a través do Concello algún outro percorrido, ao marxe dos días e horario devanditos, para grupos escolares.

Os traballos céntranse nesta ocasión nunha superficie de preto de 50 metros cadrados ao norte do monumento con forno do castro, unha estrutura de gran valor na que se atopou a pedra formosa máis antigüa de Galicia. As investigacións revelaron ata o momento que este enclave estivo habitado desde a Idade de Ferro, no século IV a.C. ata o IV ou V d.C., polo que abrangue a cultura castrexa, a romana e tamén a etapa da entrada dos visigodos.

Ramil explicou que a escavación permitirá coñecer novos restos, nunha zona na que cabe supoñer que poidan estar algunhas dependencias auxiliares da forxa que está próxima. Nesta mesma campaña, que se vai prolongar ata a primeira semana de xuño, van incluídas tamén as tarefas de consolidación das descubertas.

O Concello de Cedeira está a traballar para artellar unha vindeira campaña de escavacións que se pretende desenvolver pola zona do camiño. A intervención vai precisar da construción dunha ponte de madeira que garanta o paso de peóns durante a realización dos traballos, polo que o goberno municipal está a estudar a viabilidade de obter algunha axuda da Deputación, ao marxe da aportación municipal e a da Xunta. Desde o ano 2017 sucédense diferentes campañas custeadas alternativamente polo Concello de Cedeira e a Dirección Xeral de Patrimonio.