Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

UNHA LECTURA DE POEMAS DE LUISA VILLALTA ABRIRÁ ESTE VENRES O PROGRAMA DAS LETRAS GALEGAS EN CEDEIRA

O Concello de Cedeira programou diferentes actos para celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a figura de Luisa Villalta, unha narradora, poeta, ensaísta, filóloga e violinista que falleceu prematuramente á idade de 46 anos. Pese a iso, conta cunha extensa obra, na que se vai recrear o primeiro dos actos propostos polo goberno municipal de Cedeira para celebrar un ano máis a literatura galega. Será unha lectura de poemas o mesmo día 17 de maio, 11.30h na Praza do Concello.

O Auditorio Municipal acollerá os dous actos programados para os dous días seguintes ás 20.00 horas. O sábado chegará o espectáculo de música, poesía e audiovisuais “Seis, Lorca en Galicia”, no que se recitan os seis poemas que Federico García Lorca escribiu en galego. Rafa Fernández é o artífice deste espectáculo que celebra o fito de que o poeta granadino elixira o galego para facer a súa única incursión poética nunha lingua allea.

O programa das Letras Galegas dará paso o domingo ao concerto do músico brasileiro Nanán, un artista independiente procedente do outro lado do mundo. Compositor, luthier, docente e ecoloxista, Nanán fíxose coñecido polo tema “Casa da Floresta”, foi membro do Playing for School Change Brasil e hoxe compaxiña os seus proxectos de autor coa Kosmik Band, unha formación de músicas do mundo con sede en California.