Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

XII Reunión de verano

Cedeira é un lugar no que as súas xentes acollen ao visitante, de tal forma, que este sempre decide volver. A Vila de Cedeira reune no seu territorio, entre outras cousas, os cantís de Vixía de Herbeira, os máis altos da Europa continental. Desde os seus 613m pode observarse a inmensidade do océano Atlántico, á vez que contemplamos Santo André de Teixido, segundo lugar de peregrinación de Galicia. Di a lenda que a Santo André de Teixido vai de morto quen non vai de vivo (irá de morto quen non vaia de vivo). Nas súas inmediacións atópase a praia de Teixedelo, única praia de area negra do mundo de orixe non volcánico, que forma parte do recentemente recoñecido pola UNESCO Xeoparque Ortegal.

Os habitantes de Cedeira dise que descenden de Lancelot, ou Lanzarote do Lago, noutras épocas alí pescábanse baleas, como o propio nome indica, Cedeira, vén de Cetaria (lugar onde os pescadores acurralaban a grandes cetáceos para pescalos). De Cedeira tamén podemos destacar a súa gastronomía, din os entendidos, que os de Cedeira son os mellores percebes do mundo, pero tamén o resto do marisco, peixes, ou carnes.

En Cedeira, tamén floreceron nos últimos anos importantes achados arqueolóxicos, no castro de Sarridal atopouse un Monumento con Forno, o que sería unha sauna castrexa, sendo o 5º atopado en toda Galicia, e o pasado ano os novos traballos de escavación atoparon unha forxa, sendo a única atopada en estado de conservación de toda Galicia.

Nas costas desta Villa, tamén perdeu a vida o actor Leslie Howard o 1 de xuño de 1943, cando viaxaba de Lisboa a Londres e un escuadrón alemá derriba o avión no que viaxaba.

Cedeira é un lugar máxico, ao que animamos a vir a todo o mundo, recomendándolles que aproveiten a viaxe non só para gozar das actividades científicas e sociais, senón que tamén poidan aproveitar uns días para coñecer esta preciosa localidade e os seus arredores, coa súa espectacular Costa Ártabra, Castelo de San Felipe e Cabo Prior en Ferrol, Punta Frouxeira en Valdoviño, Cabo Ortegal en Cariño, Cantís de Loiba (onde The Guardian dixo que se atopaba o banco máis bonito do mundo) en Ortigueira ou Estaca de Bares e o Porto do Barqueiro en Mañon, todos eles son lugares incribles, pouco coñecidos para o público xeral e que non deixarán a ninguén indiferente.

Todos estes alicientes unidos á parte científica, e a moitas outras cousas que estamos a preparar, farán que os asistentes comprendan que a viaxe ata alí non foi en balde e sen dúbida farán que repitan.

Esperámosvos no norte do norte!

 

PUBLICADAS AS BASES DE SELECCIÓN DO CAMPAMENTO URBANO DE VERÁN 2024 DO CONCELLO DE CEDEIRA

As presentes bases teñen como obxecto establecer os criterios de selección para a participación no campamento municipal de verán do Concello de Cedeira, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto para os/as menores nados entre os anos 2012 e 2020, ambos incluídos.

O campamento desenvolverase no CEIP Nicolás del Río dende o día 3 de xullo ata o 30 de agosto, exceptuando festivos. O horario será de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a contar a partires do día seguinte ao da publicación das presentes bases no taboleiro de anuncios dixital.

As solicitudes deberán ser asinadas polo pai, nai ou titor legal do menor e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou polos medios establecidos no artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Inscrición:

  • En liña a través da sede electrónica do Concello.
  • Presencial no rexistro municipal.

Na seguinte ligazón pode consultarse o texto íntegro das bases, descargar a ficha de inscrición e o modelo de autoliquidación:

DESCARGAR PDF Bases de selección do campamento urbano de verán 2024 do Concello de Cedeira

“AS NOSAS TERRAS. O NOSO FUTURO”

Baixo este lema, hoxe, 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, efeméride establecida pola ONU no 1972 coa pretensión de sensibilizar á poboación mundial en relación aos temas medio ambientais.

Nesta edición do 2024 céntrase na restauración das terras, detención da desertificación e fortalecemento da resiliencia fronte á seca.

Tendo en conta que un 40% das zonas terrestres do planeta están degradadas, o que afecta de xeito directo á metade da poboación mundial, se non se toman medidas urxentes, as secas poderían afectar a máis das tres cuartas partes da poboación mundial no 2050.

Os ecosistemas de todo o mundo, dos que depende a existencia da humanidade (bosques, terras agrarias, espazos naturais…) están en perigo. Polo que debemos traballar en protexelos e restauralos co obxectivo de garantir un futuro sostible.

Lembrade que coidar do planeta é coidar de nós mesmos e, cada xesto, por pequeno que sexa, conta.