Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO DE CEDEIRA PROMOVE DIFERENTES CURSOS DE FORMACIÓN PARA IMPULSAR O EMPREGO

O Concello de Cedeira organiza a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego catro cursos gratuítos que teñen como finalidade mellorar a formación das persoas participantes e fomentar o emprego. Xunto cun curso de galego, que comezou o pasado venres, en vindeiras datas impartiranse outros de Atención sociosanitaria a dependentes, monitor de tempo libre e hostalería. Os prazos de inscrición e datas dos programas daranse a coñecer a través do “Cedeira Informa”.
O curso de “Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” vai dirixido a capacitar ás persoas participantes dos coñecementos e habilidades necesarias para poder desempeñar o coidado e atención adecuada das persoas usuarias destes servizos.
O curso de monitor ou monitora de tempo libre que se vai impartir, segundo informan desde a Concellería de Emprego, ten a consideración de curso de primeiro nivel, segundo o Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude.
Por último, o curso de hostalería é un programa orientado a capacitar cos coñecementos necesarios para traballar no servizo dun bar ou unha cafetería, procurando unha resposta á alta demanda de persoal especializado no sector da restauración.
O goberno local de Cedeira quere facer unha aposta polo emprego impulsando a capacitación de persoas desempregadas que terán, a través da formación, mellores condicións para acceder a postos de traballo en sectores demandantes, como son neste caso a hostalería ou os coidados sociosanitarios.

AS OBRAS DA CURVA DO REGO DE TIDE QUE EXECUTA A DEPUTACIÓN PROVINCIAL ESTARÁN REMATADAS ESTE VERÁN

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, supervisou onte acompañado da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e do alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, as obras de mellora da seguridade viaria da estrada DP 2206, na zona do Rego de Tide, nas que a institución provincial inviste 394.122 euros. Trátase dun vial moi transitado, tanto pola veciñanza como polos visitantes, xa que por el circulan os vehículos que van a Santo André de Teixido, moitos deles autobuses.

Para rematar con este problema, as obras que se están executando entre os puntos quilométricos 0+920 e 1+220, eliminan esta curva perigosa e habilitan unha variante cun novo trazado, ao sur do actual, que discorre en terraplén con curvas amplas de 120 e 200 metros de radio e velocidades de deseño para circular con seguridade a 80 km/h. O proxecto inclúe a canalización do rego cun marco prefabricado de formigón armado de 2x 2 metros para dar continuidade ao regato ao longo dos 42 metros que ocupa a base do terraplén.

Formoso explicou que a obra suporá “unha importante mellora da seguridade na zona e no acceso a Santo André de Teixido”, facilitando a circulación dos numerosos vehículos de veciños que discorren por ela a diario e tamén dos autobuses turísticos que recibe, sobre todo na época estival. “Agardamos que as obras estean rematadas este mesmo verán, que é cando se produce unha maior afluencia de visitantes”, afirmou o presidente, que destacou que se trata dunha actuación “moi necesaria”.

O presidente destacou tamén que a Deputación vén de aprobar esta mesma semana o seu Plan Estratéxico de Estradas 2024-2029, co que pretende “planificar, racionalizar e modernizar” a xestión da súa ampla rede de estradas provincial, que conta con case 2.100 quilómetros, “con actuacións coma esta, que elimina un punto perigoso e garante unha circulación máis segura”.

Pola súa banda, o alcalde, Pablo Moreda, destacou que as obras son “moi necesarias e moi demandadas pola veciñanza, e cobran máis importancia na actualidade, logo de ser xa declarados como Xeoparque por parte da Unesco, co potencial turístico que iso conleva”. O rexedor sinalou que “os investimentos da Deputación para a mellora de infraestruturas están a ser moi importantes para Cedeira, con investimentos como a mellora do saneamento na zona rural, a creación de sendas e beirarrúas ou a renovación do chan do pavillón polideportivo”.

A Deputación concedeulle ao Concello de Cedeira unha subvención de carácter nominativo por valor de 187.000 euros para mellorar as instalacións a través de renovación da súa pista. Na actualidade utilizan a diario esta infraestrutura 10 clubs do municipio e máis de 400 deportistas.

Plan Único 6 millóns e 36 obras no municipio

Durante a súa visita a Cedeira, Formoso e o alcalde cedeirense tamén se achegaron a comprobar de primeira man o resultado dunha das obras financiadas polo Plan Único no municipio: a creación da senda peonil e a renovación da calzada de Cordobelas, que supuxo un investimento de 81.000 euros.

A actuación consistiu na ampliación das beiravías existentes nunha estrada de titularidade municipal da parroquia de San Fiz que conecta coa estrada AC-566 á altura do PQ 28+190. A situación resolveuse ampliando as beiravías existentes, acadando un ancho de 4 metros e unha senda peonil de 1 metro, caracterizada por un pavimento de formigón armado en cor, de xeito que a plataforma poida ser usada por peóns e por vehículos, puntualmente, no caso de que se produza un cruce de vehículos con seguridade.

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A REFORMA E ACONDICIONAMENTO DO ESCOLAR DE CORREDOIRA

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente e na parroquia de Santalla, cun orzamento de 144.901,04€ (IVE incluído). No verán de 2020 o pleno da corporación acordou a recuperación do uso deste inmoble de titularidade municipal, cuxa disposición estaba cedida desde 2013 á Organización Juvenil Española (OJE). Trátase dunha antiga escola unitaria construída no ano 1962 e na que se executaron importantes obras de ampliación entre os anos 1995 y 2003.

O escolar de Corredoira, que ocupa unha parcela de 821 metros cadrados ao pé da estrada provincial DP-2204 e con 348 construídos, presenta problemas de humidade, eivas no pavimento e outros problemas derivados da falta de mantemento. As obras abranguen a rehabilitación da cuberta e as fachadas do inmoble, así como a reforma dos vestiarios. Mellorará a accesibilidade e o illamento do edificio, cuxos usos son docentes.

A intención do goberno municipal, segundo explica o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, es darlle uso ao edificio como albergue, para facilitar a chegada de grupos de asociacións, xente moza principalmente, que veña a visitar a localidade, facer a ruta a Santo André ou que se achegue para coñecer o Xeoparque Cabo Ortegal. O rexedor comentou que o inmoble reforzará os recursos turísticos de Cedeira de cara a acoller grupos e garantiu que tamén a veciñanza de Cervo poderá aproveitar este espazo con tantas posibilidades.

A actuación terá un prazo de execución de seis meses e o Concello de Cedeira as vai acometer con cargo aos fondos do POS+Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña.

A licitación sae polo procedemento aberto simplificado e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 9 de abril.