Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

AS OBRAS DA CURVA DO REGO DE TIDE QUE EXECUTA A DEPUTACIÓN PROVINCIAL ESTARÁN REMATADAS ESTE VERÁN

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, supervisou onte acompañado da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e do alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, as obras de mellora da seguridade viaria da estrada DP 2206, na zona do Rego de Tide, nas que a institución provincial inviste 394.122 euros. Trátase dun vial moi transitado, tanto pola veciñanza como polos visitantes, xa que por el circulan os vehículos que van a Santo André de Teixido, moitos deles autobuses.

Para rematar con este problema, as obras que se están executando entre os puntos quilométricos 0+920 e 1+220, eliminan esta curva perigosa e habilitan unha variante cun novo trazado, ao sur do actual, que discorre en terraplén con curvas amplas de 120 e 200 metros de radio e velocidades de deseño para circular con seguridade a 80 km/h. O proxecto inclúe a canalización do rego cun marco prefabricado de formigón armado de 2x 2 metros para dar continuidade ao regato ao longo dos 42 metros que ocupa a base do terraplén.

Formoso explicou que a obra suporá “unha importante mellora da seguridade na zona e no acceso a Santo André de Teixido”, facilitando a circulación dos numerosos vehículos de veciños que discorren por ela a diario e tamén dos autobuses turísticos que recibe, sobre todo na época estival. “Agardamos que as obras estean rematadas este mesmo verán, que é cando se produce unha maior afluencia de visitantes”, afirmou o presidente, que destacou que se trata dunha actuación “moi necesaria”.

O presidente destacou tamén que a Deputación vén de aprobar esta mesma semana o seu Plan Estratéxico de Estradas 2024-2029, co que pretende “planificar, racionalizar e modernizar” a xestión da súa ampla rede de estradas provincial, que conta con case 2.100 quilómetros, “con actuacións coma esta, que elimina un punto perigoso e garante unha circulación máis segura”.

Pola súa banda, o alcalde, Pablo Moreda, destacou que as obras son “moi necesarias e moi demandadas pola veciñanza, e cobran máis importancia na actualidade, logo de ser xa declarados como Xeoparque por parte da Unesco, co potencial turístico que iso conleva”. O rexedor sinalou que “os investimentos da Deputación para a mellora de infraestruturas están a ser moi importantes para Cedeira, con investimentos como a mellora do saneamento na zona rural, a creación de sendas e beirarrúas ou a renovación do chan do pavillón polideportivo”.

A Deputación concedeulle ao Concello de Cedeira unha subvención de carácter nominativo por valor de 187.000 euros para mellorar as instalacións a través de renovación da súa pista. Na actualidade utilizan a diario esta infraestrutura 10 clubs do municipio e máis de 400 deportistas.

Plan Único 6 millóns e 36 obras no municipio

Durante a súa visita a Cedeira, Formoso e o alcalde cedeirense tamén se achegaron a comprobar de primeira man o resultado dunha das obras financiadas polo Plan Único no municipio: a creación da senda peonil e a renovación da calzada de Cordobelas, que supuxo un investimento de 81.000 euros.

A actuación consistiu na ampliación das beiravías existentes nunha estrada de titularidade municipal da parroquia de San Fiz que conecta coa estrada AC-566 á altura do PQ 28+190. A situación resolveuse ampliando as beiravías existentes, acadando un ancho de 4 metros e unha senda peonil de 1 metro, caracterizada por un pavimento de formigón armado en cor, de xeito que a plataforma poida ser usada por peóns e por vehículos, puntualmente, no caso de que se produza un cruce de vehículos con seguridade.