Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

ENTREGA DUNHA NOVA PARTIDA DE COMPOSTEIROS DOMÉSTICOS

O concello de Cedeira segue apostando pola compostaxe doméstica e, en colaboración con Sogama, entidade que cede os composteiros co obxectivo de promocionar unha xestión do lixo máis sostible. No día de onte, entregáronse 25 composteiros á veciñanza que así o solicitou durante a convocatoria do 2023.

Ademáis do propio dispositivo para realizar a compostaxe, as persoas beneficiarias do programa participaron dunha xornada formativa sobre o emprego e mantemento dos mesmos.

Desde o concello móstrase satisfacción da boa acollida que sempre ten entre a veciñanza este tipo de iniciativa, que leva desenvolvéndose dende o ano 2016, e suma xa máis de 250 familias implicadas na xestión in situ dos residuos orgánicos.

Así mesmo, comunícaselles a todas aquelas persoas que teñen realizada solicitude e non foron avisadas para esta entrega, que continúan na lista de agarda para a próxima convocatoria.

ALUMNADO DO IES DE CEDEIRA DESEÑA E CONSTRÚE UN COCHE DE INERCIA PARA O RETO “HIPERBARIC CHALLENGE”

Quince rapaces e rapazas do IES Punta Candieira van participar na XI edición do reto “Hiperbaric Challenge”, un desafío educativo que consiste en deseñar e construír un vehículo de inercia. O Concello de Cedeira vén de confirmarlle ao equipo “Discalzos Racing Team” a financiación do desprazamento en autobús -2.178€- para que poida estar os días 21 e 22 de xuño en Burgos e participar na proba. É un apoio importante para un proxecto que ten mobilizado xa unha auténtica ola de solidariedade tanto en Cedeira como noutros municipios.

A profesora Dulce Rodríguez Anido fala con entusiasmo do traballo do alumnado e profesorado para este concurso, ao que adican o seu tempo non lectivo e que está a atopar unha acollida extraordinaria entre familiares, veciñanza e tecido empresarial non so da propia Cedeira, senón tamén de Narón, Ortigueira, Mugardos, Cerdido e Valdoviño. Ademáis da aportación do Concello, teñen reunido xa máis de 3.000€ para sufragar gastos de aloxamento e manutención e un patrocinador prestoulles unha furgoneta para levar o vehículo. Para seguir sumando recursos, montarán un posto no feirón de Cedeira este domingo, día 12, para vender diferentes artigos cedidos polas empresas colaboradoras.

O “Hiperbaric Challenge” é un desafío dirixido a espertar vocacións científico-tecnolóxicas. O concurso está dirixido a alumnado de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e ciclos de grao básico, medio ou superior de toda España, e consiste en desenvolver o proxecto do coche de inercia de principio a fin, incluíndo os aspectos técnicos e de deseño, así como cuestións empresariais, de marketing e xestión.

O IES Punta Candieira xa levara un premio na edición de 2020 do certame, pero daquela o covid obrigou a desenvolver o concurso de xeito virtual. Desta volta, o “Discalzos Racing Team” vai a por todas, cun alumno e unha alumna de pilotos. A construción do coche, no que se procurou a máxima eficiencia coa utilización de materiais reciclados, foi cousa do alumnado do ciclo medio de Mantemento Electromecánico e o superior de Mecatrónica Industrial. Colaboran no proxecto tamén mozos e mozas do ciclo medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas, que buscaron patrocinios e mecenazgos con grande éxito.

Viaxarán ata Burgos 15 alumnos e alumnas e dous profesores. O día 21 de xuño deberán facer unha presentación do seu prototipo diante de preto dunha vintena de centros educativos de todo o país e do xurado, e xa o sábado 22 de xuño disputarán a carreira, en varias mangas que baixarán desde o castelo ata o centro da cidade.

Tanto o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, como o primer tenente de alcalde, José Antonio Rodríguez Arribe, e o concelleiro de Educación, Noel López, asistiron recentemente a unha presentación do proxecto por parte do alumnado, no que puideron coñecelo de primeira man. Desde o goberno municipal poñen en valor o espíritu emprendedor da mocidade e destacan que a iniciativa é unha mostra do dinamismo dos ciclos formativos do IES Punta Candieira. “A Formación Profesional de calidade, con ciclos nos que os rapaces e rapazas estean motivados e logren unha boa capacitación é a porta para a súa inserción laboral”, destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, que expresou o orgullo do Concello polo traballo da rapazada. “Desde o goberno local o que temos que facer é apoialos, neste caso a través deste patrocinio, e como facemos noutros casos, coas axudas ás Anpas, por exemplo, ou coa execución de melloras nos centros educativos”, apuntou.

AXÚDASNOS A FINANCIAR A NOSA VIAXE A BURGOS PARA PARTICIPAR E GAÑAR CO NOSO VEHÍCULO DE INERCIA?

O desafío educativo Hiperbaric Challenge, dirixido a mozos de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Básico, Medio e Superior de toda España, pretende espertar a súa curiosidade científica animándolles a deseñar e construír un prototipo de coche de inercia.

Na XI edición de Hiperbaric Challenge, que se desenvolverá durante o curso 2023-2024, volverá á súa cita habitual o sábado 22 de xuño coa celebración da carreira de inercia en Burgos. Todos os equipos participantes poñerán a proba o deseño dos seus coches durante varias mangas a través do circuíto urbano que percorre a baixada do Castillo ata o centro da cidade.

Ademais dos equipos participantes do Hiperbaric Challenge deste ano, pilotos e equipos da Copa de Castela e León de Deportes de Inercia competirán na carreira oficial deste campionato.

Dende Cedeira participamos con 15 alumnos/as e 2 profesores/as, contando ademais coa participación de case todos os negocios de Cedeira, familias, profesorado, pero NON nos chega, precisamos máis, o compromiso de todos/as para posicionar ao noso instituto e ao noso pobo nun proxecto a nivel nacional e, o máis importante, GAÑAR.

Pero para iso temos que desprazarnos o venres e pola tarde facer unha presentación ante 19 centros educativos e un xurado, e o sábado… A CARREIRA, para a que contamos cun piloto e unha piloto.

Axúdasnos?

No centro educativo temos unha caixa para donativos, estaremos o domingo 12 no feirón de Cedeira e podédesvos achegar por Vicedirección, debido a que aínda que o traballo é todo do alumnado, nós colaboramos con eles, como non podía ser doutro xeito.

#LOVAMOSAPETAR