Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O VERÁN DA TUA MAN

Aquí esta a primeira memoria de ocio e tempo libre do verán de Cedeira, que pretende recoller todos os eventos, actividades, charlas, formacións e dinámicas que se fagan nos meses de xuño, xullo e agosto na nosa Vila.

Esta memoria irase actualizando co paso do verán polo que, convidámosvos a que gardedes este enlace para non perder nada!! Se eres parte dunha entidade tanto pública como privada, e non vedes o voso evento nestas páxinas, mandade unha mensaxe a través do correo (coxcedeira@gmail.com) para poner engadir a información.

Aproveitade esta oportunidade para ter: o verán da vosa man!

Descarga PDF O verán da tua man

O ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA REGRESOU CONTENTO DO “HIPERBARIC CHALLENGE” E CON GANA DE VOLVER

O equipo “Discalzos Racing Team” regresou co terceiro premio da categoría de Mellor Rendemento da XI edición do reto “Hiperbaric Challenge” que se desenvolveu a pasada fin de semana en Burgos. Vinte equipos de toda España chegaron á fase final deste desafío educativo despois dun curso enteiro traballando no proxecto de deseñar e construír un vehículo de inercia, incluíndo a procura de financiación e patrocinios e tamén a súa condución en carreira. Os rapaces e rapazas do IES Punta Candieira que participaron están contentos e pensando xa nun novo proxecto para a vindeira edición.

Un dos patrocinios máis importantes que conseguiron foi o do Concello de Cedeira, que financiou o desprazamento en autobús do equipo, porén hai que sumar unha longa relación de particulares, pequenos establecementos e empresas de diferentes sectores de Cedeira e a súa contorna que quixeron tamén impulsar o proxecto aportando fondos o materiais. Sheila Quiza Villadóniga, a coordinadora da parte económica do proxecto, comentou que “traballamos moito” ao longo do curso e confirmou que viñeron contentos, sobre todo tendo en conta que foi a súa estrea neste reto, e con gana de volver.

A Burgos desplazouse un equipo formado por 15 alumnos e alumnas do IES Punta Candieira e dous profesores. A primeira parte do reto consistiu en presentar o seu proxecto diante de todos os participantes e do xurado. Destacaron nesta sesión o feito de ser estudantes dos ciclos de Mantemento e Mecatrónica quen deseñaron e construíron o coche, dado que no instituto de Cedeira non se imparte ningún título da familia de Automoción. Tras a presentación viron as carreiras nun circuíto pendente abaixo e con moitas curvas desde o castelo de Burgos ata a céntrica praza Alonso Martínez. Pablo Aneiros Martín e Carla Fernández Rodríguez puxéronse ao volante do bólido nesta última fase dunha aventura que puxo a proba os coñecementos técnicos, a creatividade, o pensamento alternativo, a motivación e a capacidade de traballo en equipo de todos e todas as componentes do “Discalzos Racing Team”.

O GOBERNO LOCAL FELICITA AOS DEPORTISTAS DOS CLUBS DE REMO E NATACIÓN CEDEIRA POLOS EXCELENTES RESULTADOS

O goberno local quere poñer de manifesto os excelentes resultados que teñen acadado deportistas locais dos clubes de Remo e do Natación Cedeira en diferentes competicións e felicitalos, tanto a eles e elas como aos equipos polo seu traballo.

Oito embarcacións do Club de Remo de Cedeira participaron a pasada fin de semana no Campionato de España de Remo Olímpico que se disputou no Centro Especializado de Alto Rendemento da Cartuja, en Sevilla. Todas resultaron clasificadas nas eliminatorias que se desenvolveron o venres e sete pasaron os cuartos de finais e semifinais –todas excepto o 1xcadete feminino de Lucía Bellas, que remou o domingo na final B, do 7 ao 12º posto, quedando no décimo lugar da clasificación xeral-.

O 1xcadete masculino de Marcos Casal quedou ás portas do pódium, no cuarto posto, no comezo da decisiva xornada do domingo, a última da competición. Raquel Rodríguez e Candela Martínez acadaron a continuación o ouro e a prata na proba do 1x sub23 feminino. O equipo 4- formado por Iván González Fraguela, Bruno López Torres, Agustín González Fraguela e Iago Ortiz Apac quedou de quinto mentres que Raúl López Iglesias e Joaquín Montero Gómez obtiveron o bronce nunha final moi disputada na que estiveron preto de levar a prata. Para rematar a xornada volveron a remar Raquel Rodríguez e Candela Martínez, no 1x absoluto feminino, proclamándose respectivamente gañadoras do ouro e o bronce.

Así, o Remo Cedeira acadou o segundo posto do trofeo Iberdrola polo seu medalleiro, con dous ouros, unha prata e un bronce. Os bos resultados obtidos fixeron que Raquel Rodríguez e Candela Martínez foran seleccionadas para representar a España no Campionato do Mundo sub23 que se vai celebrar en agosto en Canadá, aínda que a primeira renunciou á convocatoria.

O Natación Cedeira está tamén de noraboa. O seu deportista Lucas Riola proclamouse campión de España xuvenil de triatlón, nunha proba na que o seu compañeiro Damián Suárez quedou quinto despois dunha carreira moi boa na que foi case todo o tempo en segundo lugar. O equipo cedeirés masculino conseguiu o quinto posto entre os 50 que concurriron ao campionato, así como o séptimo lugar por equipos en categoría feminina, na que destacou a actuación de Lara Solsona, no décimo cuarto lugar.

A pasada fin de semana o Natación Cedeira tamén destacou no campionato galego de Triatlón, no que o ouro foi para Damián Suárez, con Lucas Riola desta volta en terceira posición e Samuel Sánchez na sexta. Desde o club tamén subliñan que Irene García Nebril e Noa Villadóniga Sanesteban foron convocadas para participar esta fin de semana no Campionato de España por Autonomías, que se vai disputar en Mérida.

Por outra banda, Cedeira volveu do Campionato Galego de Natación cos ouros das probas de de 800 e 400 libres, que gañou Roque Caneiro, así como o terceiro posto nos 100 metros libres. O próximo domingo, o club cedeirés participará no Campionato de Europa Biatle que se vai disputar en Madeira.