Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

UNHA LECTURA DE POEMAS DE LUISA VILLALTA ABRIRÁ ESTE VENRES O PROGRAMA DAS LETRAS GALEGAS EN CEDEIRA

O Concello de Cedeira programou diferentes actos para celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a figura de Luisa Villalta, unha narradora, poeta, ensaísta, filóloga e violinista que falleceu prematuramente á idade de 46 anos. Pese a iso, conta cunha extensa obra, na que se vai recrear o primeiro dos actos propostos polo goberno municipal de Cedeira para celebrar un ano máis a literatura galega. Será unha lectura de poemas o mesmo día 17 de maio, 11.30h na Praza do Concello.

O Auditorio Municipal acollerá os dous actos programados para os dous días seguintes ás 20.00 horas. O sábado chegará o espectáculo de música, poesía e audiovisuais “Seis, Lorca en Galicia”, no que se recitan os seis poemas que Federico García Lorca escribiu en galego. Rafa Fernández é o artífice deste espectáculo que celebra o fito de que o poeta granadino elixira o galego para facer a súa única incursión poética nunha lingua allea.

O programa das Letras Galegas dará paso o domingo ao concerto do músico brasileiro Nanán, un artista independiente procedente do outro lado do mundo. Compositor, luthier, docente e ecoloxista, Nanán fíxose coñecido polo tema “Casa da Floresta”, foi membro do Playing for School Change Brasil e hoxe compaxiña os seus proxectos de autor coa Kosmik Band, unha formación de músicas do mundo con sede en California.

EN CURSO UNHA NOVA ESCAVACIÓN NO SARRIDAL QUE O EQUIPO ARQUEOLÓXICO COMPAXINA CON VISITAS GUIADAS

O equipo de Axa Arqueoloxía vén de iniciar unha nova campaña de escavación no castro do Campo Sarridal, desta volta financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio. De novo as tarefas vanse compaxinar coa divulgación, a través da organización de tres visitas guiadas convocadas para os xoves 23 e 30 de maio e para o 6 de xuño (que inicialmente era este xoves pero acaba de adiarse por mor da choiva) sempre ás 12.00 do mediodía e sen necesidade de inscrición. Tal como explicou Emilio Ramil, o director dos traballos, o ano pasado achegáronse ás visitas tanto veciños e veciñas de Cedeira como doutros municipios da comarca, así como colexios e institutos da contorna. Tamén este ano estase a organizar a través do Concello algún outro percorrido, ao marxe dos días e horario devanditos, para grupos escolares.

Os traballos céntranse nesta ocasión nunha superficie de preto de 50 metros cadrados ao norte do monumento con forno do castro, unha estrutura de gran valor na que se atopou a pedra formosa máis antigüa de Galicia. As investigacións revelaron ata o momento que este enclave estivo habitado desde a Idade de Ferro, no século IV a.C. ata o IV ou V d.C., polo que abrangue a cultura castrexa, a romana e tamén a etapa da entrada dos visigodos.

Ramil explicou que a escavación permitirá coñecer novos restos, nunha zona na que cabe supoñer que poidan estar algunhas dependencias auxiliares da forxa que está próxima. Nesta mesma campaña, que se vai prolongar ata a primeira semana de xuño, van incluídas tamén as tarefas de consolidación das descubertas.

O Concello de Cedeira está a traballar para artellar unha vindeira campaña de escavacións que se pretende desenvolver pola zona do camiño. A intervención vai precisar da construción dunha ponte de madeira que garanta o paso de peóns durante a realización dos traballos, polo que o goberno municipal está a estudar a viabilidade de obter algunha axuda da Deputación, ao marxe da aportación municipal e a da Xunta. Desde o ano 2017 sucédense diferentes campañas custeadas alternativamente polo Concello de Cedeira e a Dirección Xeral de Patrimonio.

FELICITACIÓNS AO CLUB BÁDMINTON CEDEIRA POLA SÚA ACTUACIÓN NO CAMPIONATO DE ESPAÑA SÉNIOR

O goberno local de Cedeira felicita ao Club Bádminton Cedeira pola súa actuación no Campionato de España Sénior que se disputou recentemente na Estrada. Nun encontro que marcou un récord de participación, con 329 inscritos, ofreceuse un sentido recoñecemento póstumo ao deportista local Juan Antonio Rodríguez, asiduo destas competicións e falecido recientemente. A súa viuda Hilda Martínez recolleu o galardón.

Cómpre destacar a actuación de Santiago Freire, que gañou o ouro en individual, dobles e mixtos e que recolleu tamén o premio MVP (de xogador máis valorado) do torneo. Tamén Dolores López Lorenzo foi ouro en mixtos e bronce en dobles; Manuel Suárez Feijo gañou o ouro en dobles e a prata en individual, e Hilda Martínez fíxose co bronce en individual, dobles e mixtos. O Concello estende as súas felicitacións a todos e todas as súas deportistas, que pese a non lograr medallas estiveron animando aos seus compañeiros.