Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

APROBACIÓN DA CONVOCATORIA E BASES DO CONCURSO DE DISFRACES ENTROIDO 2023

Para fomentar a participación e manter a tradición do entroido, o Concello de Cedeira organiza o “Desfile de Entroido 2023” sábado 18 de febreiro de 2023 e convoca á veciñanza a participar nel e no tradicional concurso de disfraces.

Pode consultar as bases do concurso na apartado da web de concursos culturais e deportivos dispoñible na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Concursos culturais e deportivos

O PLAN PARA A INFANCIA E O ÉXITO DAS FESTAS DE NADAL ABREN UN NOVO NÚMERO DO BOLETÍN AS7PARROQUIAS

O Concello de Cedeira vén de publicar o número 23 do boletín informativo As7Parroquias, no que recolle o máis salientable do traballo da administración municipal nos últimos tres meses. A revista destaca na súa portada as festas de nadal, nas que gozou dun grande éxito a ampla oferta para o ocio familiar que se concentrou no Polideportivo Municipal, así como a posta en marcha dun Plan para a Infancia e a Adolescencia.

Nas oito páxinas do boletín ten cabida o rexeitamento do goberno local de Cedeira ao parque eólico Badulaque, cuxa declaración ambiental foi publicada hai poucos días. Dá conta tamén a revista da boa saúde da Biblioteca Municipal López Cortón, que cumpre 45 anos con máis de 5.300 socios, e da positiva dinámica de autoxestión que se está a consolidar no Centro de Ocio Xuvenil. Infórmase, así mesmo, do unánime acordo adoptado polo pleno da corporación para ceder uns terreos de titularidade municipal nas proximidades da Estación de Autobuses á Consellería de Sanidade, co fin de que a administración autonómica levante un novo Centro de Saúde.

O novo chanzo que subiu o proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal, que pasou con éxito a avaliación da Unesco e se convertiu xa nunha candidatura oficial da propia organización internacional, está tamén neste novo número de As7Parroquias, no que se recolle igualmente o traballo de creación de dúas novas rutas turísticas no marco do proxecto Cedeira Mariñeira. Os avances cara á implantación do contedor marrón, o éxito do certame de tapas e unha detallada relación das últimas obras realizadas polo Concello, tanto na zona rural como urbana, completan o boletín, cuxa contraportada está adicada á asociación Lugares Comúns, unha entidade impulsada por persoas con diferentes orixes que converxeron en Cedeira e que pulan por participar e dinamizar a comunidade con propostas que defenden a sostenibilidade, a integración e a diversidade cultural.

O boletín repártese estes días en papel polos locais sociais e puntos máis frecuentados pola veciñanza de Cedeira e tamén pode consultarse a través da web do Concello.

Pódese descargar o boletín na seguinte ligazón:

Descarga PDF Boletín As7Parroquias

O CONCELLO RETOMA CON AFAL FERROLTERRA OS TALLERES

A través do departamento de Servicios Sociais que dirixe a concelleira Magdalena Pérez Villar, o Concello de Cedeira organiza desde hoxe os talleres coa colaboración de AFAL Ferrolterra. Os cursos desenvolverasen durante toda a semana, serán grupos reducidos de 10 persoas.

Faranse charlas informativas 1 vez o mes e reuniones esporádicas coa psicóloga a demanda dos familiares.

Horarios:
De 17:00h a 19:00h
Martes, xoves e venres gratuito
Posibilidade de ampliar os días e ir os luns e mércores con un copago de AFAL Ferrolterra.

Inscricións:
Telefónicamente: 981 492 179
Correo electrónico: magdalena.perez.villar@cedeira.gal

Os talleres de estimulación cognitiva de AFAL teñen como prioridade frear o deterioro que sofre a persoa afectada, pero, máis alá diso, tamén se consegue nalgúns casos recuperar tarefas que xa se tiñan abandonado. O traballo das dúas terapeutas de AFAL que atenden os talleres desenvólvese en grupo pero cunha atención individualizada. A orientación espacial e temporal, a psicomotricidade, a atención, a linguaxe ou o cálculo son cuestións sobre as que se exercitan os usuarios.