Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

Cedeira estrea unha nova exposición sobre o consumo de enerxía na praza da Marieta

CEDEIRA ESTREA UNHA NOVA EXPOSICIÓN SOBRE O CONSUMO DE ENERXÍA NA PRAZA DA MARIETA

O Concello de Cedeira, a través da área de Medio Ambiente, volve facer uso da antiga oficina de turismo (praza da Marieta) para concienciar á veciñanza sobre como pode contribuír a reducir aqueles efectos que están a poñer en perigo a conservación da natureza. Nesta ocasión, trátase de chamar a atención sobre o consumo de enerxía na vivenda, no transporte e na escola a través da exposición de quince láminas e diversos comentarios a este respecto.

O titular da Concellería de Medio Ambiente, Camilo Casal, explicou que “o aforro e a eficiencia enerxética son, xunto coa utilización masiva de enerxías renovables (ou sexa, as non contaminantes), as TRES R (reducir, reutilizar e reciclar) e o uso do transporte colectivo, os piares nos que se asenta o novo modelo enerxético que está a nacer, destinado a combater o cambio climático”. Casal sitúa este problema entre os máis importantes aos que debe facer fronte a humanidade, “e no que xa estamos inmersos e que temos que tentar minimizar a toda costa, sobre todo os que vivimos nos países máis ricos do planeta, que somos os maiores responsables deste desaguisado”, asegura.

A mostra xa se pode visitar e ocupará este espazo expositivo da vila, polo menos, durante varias semanas máis.

DESCARGA PDF exposición sobre o consumo de enerxía

 

Recuperación da fonte da Area

RECUPERACIÓN DA FONTE DA AREA

Segundo algunha das persoas consultadas, a fonte da Area debe a súa existencia a unha donación feita a principios do século pasado pola familia Bellón, os antepasados dos sacerdotes Cesáreo e Manolo que exerceron o seu ministerio en parroquias do concello de Cedeira.

Ata ben entrados os anos cincuenta acudían a ela de maneira constante os habitantes da barriada para facer acopio de auga tanto para beber como para bañarse ou cociñar, dado que, como lembrarán os que xa non cumprirán os sesenta anos de vida, daquela non existían nin siquera as traídas de auga privadas que precederon á municipal da que hoxe disfrutan.

Polos motivos que sexa levaba sen funcionar bastante tempo. Diante da suxestión feita por varios veciñ@s de que lles gostaría vela operativa polo significado sentimental que para eles ten, o goberno local decide que ese desexo debe ser atendido e máis tendo en conta que a cuantía económica é mínima.

Postos a recuperala, consideramos que nos tempos que corren debe estar conectada á traída municipal para poder garantizar a potabilidade da auga, o que non se pode facer coa procedente de fontes ou mananciais privados

Camilo Casal
Concelleiro de Medio Ambiente

Cedeira supera en dez puntos á media Galega no reciclaxe de vidrio

CEDEIRA SUPERA EN DEZ PUNTOS Á MEDIA GALEGA NO RECICLAXE DE VIDRO

Casal felicita á veciñanza, á que invita a “continuar nesta senda”

O titular da Concellería de Medio Ambiente, Camilo Casal, felicita á veciñanza por situar a Cedeira á mesma altura de comunidades como Baleares, País Vasco e Navarra que están á cabeza no que a reciclaxe de vidro se refire.

Segundo Casal, nos dous últimos anos (2016-2017) no municipio recolléronse 177,4 e 174,5 toneladas de vidro, respectivamente. Estes datos representan que por cada habitante e ano foron recuperados arredor de 25 quilogramos, unha porcentaxe moi superior á media de Galicia, que está en 15, e tamén da española, que é de 16 quilogramos.

Aínda así, desde a Concellería de Medio Ambiente séguese a insistir na necesidade de reciclar para garantir a conservación do medio natural e recálcanse algúns datos que son claves para entender o que representa un xesto tan sinxelo como o de levar as botellas ao contedor de cor azul. Neste sentido, Casal destacou que “o vidro se recicla moitas veces, case indefinidamente” e que nun país como España, coa reciclaxe de 752.000 toneladas ao año, se evita a emisión de medio millón de toneladas de CO2 (dióxido de carbono, o gas que máis condiciona o cambio climático), deixan de extraerse 900.000 toneladas de materias primas e se aforra a enerxía consumida no conxunto dos hospitais españoles durante todo un ano.

O concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal, invita aos cederenses a “continuar nesta senda”.