Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O Concello recorda a necesidade de consumir a auga con moderación nos períodos de seca

O goberno de Cedeira pide á población local -veciños e visitantes- un uso responsable da auga polo estado de prealerta, por seca hidrolóxica, que a Xunta acaba de activar no municipio. Esta situación tamén está a afectar ao conxunto da comarca do Ortegal e á Mariña de Lugo.

O executivo local considera necesario aclarar que “non existe risco de abastacemento” pero recoñece que “supón a adopción de medidas de tipo preventivo, como extremar o control e vixilanza ou mellorar a eficiencia do uso da auga”, polo que pide a máxima colaboración por parte da veciñanza.

Neste sentido, recordase que consumir auga con moderación é encher a lavadora ou o lavavaixelas antes de botalos a andar e poñer un programa axeitado; optar pola ducha fronte a bañeira; pechar a billa mentres te enxaboas ou cepillas os dentes; empregar un caldeiro para lavar o coche; ou rega cedo ou a tardiña aproveitando o solpor, entre outras posibles medidas.

O equipo de goberno de Cedeira entende así mesmo que “na situación actual é necesario que cada un de nós poña as medidas que axuden a aforrar o consumo da auga”, ao tempo que fai constar que os episodios de seca obedecen á escaseza de precipitacións e á baixada do caudal dos ríos.

Unha media de 50 persoas visitan cada día o Castelo da Concepción de Cedeira

Unha media diaria de 50 persoas visitan o castelo da Concepción desde que o pasado día 22 abrira as súas portas nunha campaña que se prolongará ata o próximo mes de outubro. Ata entón esta fortificación defensiva do século XVIII permanecerá aberta ao público de martes a venres de 13.00 a 19.00 horas, os sábados de 11.00 a 19.00 e os domingos de 11.00 a 14.00 horas.

As visitas guiadas, que manteñen o seu carácter gratuíto, serán ás 13.00 e ás 18.00 horas. Victoria Fornos Saavedra é a técnico de Turismo que se encarga de explicar aos visitantes as caraterísticas dunha construción que garda certa similitude cos castelos de San Felipe, no Concello de Ferrol, e o da Palma, no de Mugardos, xa que as tres fortalezas xurden da necesidade de defender os respectivos territorios ante a ofensiva dos navegantes británicos.

Nun itinerario duns 30 minutos de duración, os turistas percorren as estancias do castelo da Concepción, nas que permanecen expostas maquetas da construción, copias de planos do século XVIII, informes militares, armas e municións e os canóns ameazadores que evitaron a presenza dos atacantes.

Este ano a pandemia da Covid-19 acoutou a visita exclusivamente ao interior do recinto defensivo pola necesidade de garantir a aplicación das medidas de seguridade: utilización da máscara e a distancia de dous metros entre persoas.

A concelleira de Turismo, Carmela Prieto Cal, recordou que o castelo pasará a acoller, despois das obras de reforma que darán comezo en setembro, os obxectos e imaxes das seis campanas de escavacións arqueolóxicas levadas a cabo ata de agora no xacemento do Sarridal. O investimento da actuación prevista está próximo aos 40.000 euros.

O sistema defensivo do castro Sarridal sae á luz coa sexta campaña de escavación agora en marcha

A sexta campaña de escavacións arqueolóxicas en Punta Sarridal volve confirmar a importancia deste asentamento de orixe castrexa, tanto polas súas dimensións como polas estruturas defensivas que estes días están a saír á luz. O castro data do século III a.C.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, valorou a importancia destas actuacións para coñecer a historia da localidade, no seu conxunto, e reiterou a intención do goberno local de seguir traballando nesa dirección, polo que volveu apuntar a posibilidade de chegar a acordos con propietarios de terreos situados no lugar para poder completar a totalidade do xacemento. A contía desde último investimento financiado polo Concello supera os 14.000 euros.

Despois de máis de 10 días de traballo -a intervención comezou o día 13 de xullo e rematará o 6 de agosto- xa está definido o sistema defensivo da construción, do que é parte importante un torreón, de forma rectangular, acaroado ao paramento exterior da muralla. Nel estaría situado un punto de acceso ao interior do recinto. A actuación que se está a levar a cabo tamén sacou á luz un bastión defensivo, do que xa se tiña noticia pero que agora amosou as súas dimensións reais, así como o empedrado orixinal do camiño de entrada ao castro. A escavación corre a cargo dun grupo de oito porfesionais da empresa Axa Arqueología.

Os traballos arqueolóxicos na punta Sarridal deron comezo en abril do ano 2017 coa realización dunhas castas. Estas primeiras sondaxes puxeron aos expertos sobre a pista da riqueza patrimonial que se vería confirmada, a finais daquel mesmo ano, coa localización das murallas dun recinto perfectamente delimitado e dun monumento con forno.

As seguintes intervencións serviron tanto para consolidar estruturas xa localizadas como para seguir avanzando no coñecemento dun patrimonio que hoxe serve de reclamo turístico e que este ano dará lugar á entrada en funcionamento dun centro de interpretación no castelo da Concepción, cuxa obra dará comezo no mes de setembro.