Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

COMEZA UNHA NOVA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓN NO XACEMENTO CASTREXO DO SARRIDAL

O equipo de Axa Arqueoloxía, que dirixe Emilio Ramil, comezou esta semana unha nova campaña de escavación no Castro Sarridal, o xacemento castrexo no que foi descuberto un dos cinco monumentos con forno de Galicia e a pedra formosa máis antiga, datada aproximadamente no 230 a.C. Nesta nova intervención financiada polo Concello de Cedeira -cun orzamento de 14.399€-, os arqueólogos teñen previsto completar a escavación da muralla e iniciar o descubrimento do antigo foxo, así como rematar a escavación do pavimento na zona da entrada ao forno.

Segundo explicou Emilio Ramil, a intervención na muralla e no foxo abranguerá unha superficie duns cen metros cadrados e vai servir para poñer á vista os elementos máis importantes da estrutura defensiva do conxunto, formada pola liña da muralla e do foxo que separaban claramente o exterior da zona doméstica. A área do pavimento da entrada ao forno na que se vai traballar tamén desta volta é duns 20 metros cadrados, e o equipo de arqueoloxía coida que posiblemente permita documentar as estruturas que existiron antes da sauna castrexa.

Esta nova campaña de escavación vai prolongarse durante un mes, e a esta seguirá outra de consolidación dos elementos descubertos que será financiada pola Xunta de Galicia, como sucedeu en anos anteriores.

Xunto con Emilio Ramil, o director de Axa Arqueoloxía, traballan nesta campaña a arqueóloga Vanesa Trevín e os auxiliares Alejandro Ramil Blanco, Carlos Javier Rodríguez López, Mónica Legazpi Torre, Macarena Teijido Ferreiro e Xan Carneiro. Tal como se informou recentemente, o equipo recibiu o encargo do Concello de Cedeira de realizar tamén unhas sondaxes no Campo de Castro para determinar por onde é máis interesante continuar futuras escavacións e a conveniencia de adquirir para elo algunhas parcelas. Estas catas permitirán, ademais, actualizar o libro “Arqueoloxía do Concello de Cedeira”, que data do ano 2000.

Desde o Concello de Cedeira, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil subliñou unha vez máis o compromiso do goberno local coa recuperación, paso a paso, do pasado castreño desta zona. Cómpre apuntar que o descubrimento de grandes xacementos como o Castro de Baroña son froito de moitas décadas de sucesivas campañas de escavación e consolidación como as que se están a levar a cabo en Cedeira. Moreda destacou, neste sentido, que a zona de Sarridal ten un enorme potencial para se converter nun conxunto arqueolóxico de referencia en Galicia para o mellor coñecemento do noso pasado.

CHARLA INFORMATIVA SOBRE O PARQUE EÓLICO BADULAQUE

O Concello de Cedeira convoca unha charla informativa sobre o proxecto do parque eólico terrestre de Badulaque para este xoves, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal, á que invita a toda a veciñanza. Ao tempo que anuncia este acto, o goberno local expón o seu rexeitamento ao proxecto, cuxo estudo de impacto ambiental e autorización administrativa previa están en prazo de exposición pública.

O parque Badulaque, que promove Endesa, está proxectado con aeroxeradores de 200 metros de altura e a súa afectación abranque os municipios das Pontes, As Somozas, Cedeira, Cerdido, Moeche e Valdoviño. Na charla informativa deste xoves, falarase do impacto destas estruturas para o medio ambiente e para a poboación, así como da posibilidade que teñen as persoas que o desexen de presentar alegacións.

Desde o Concello de Cedeira van presentar as súas, rexeitando a instalación, como xa fixo tamén cos dous parques de eólica mariña que proxecta a compañía Iberdrola nas costas do Ortegal.

VER Anuncio BOE da área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia polo que se somete a información pública o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Badulaque de 90 MW e a súa infraestrutura de evacuación na provincia da Coruña.

O CONCELLO DE CEDEIRA REXEITA OS PARQUES DE EÓLICA MARIÑA PROXECTADOS NAS PROXIMIDADES DO SEU LITORAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, manifesta “o absoluto rexeitamente desta corporación aos parques eólicos mariños de San Brandán e San Cibrao que a compañía Iberdrola propón instalar no litoral ortegano”. O rexedor local acaba de asinar senllas respostas ás consultas que recibiu o Concello a mediados de xuño, referentes a estes dous proxectos, nas que desgrana as eivas de dita tramitación e solicita a súa suspensión. “Estamos totalmente en contra desta desfeita medioambiental e paisaxística, que causaría un grave dano á nosa flota pesqueira”, dixo o alcalde, que expresou tamén o seu rexeitamento ao parque eólico Badulaque, que Endesa prevé en terra, ao que tamén o Concello vai presentar alegacións.

Moreda Gil explicou que os grupos municipais están unidos na oposición aos proxectos de eólica mariña e amosouse convencido de que contan tamén co apoio da cidadanía de Cedeira e de toda a comarca. O Concello está disposto a convocar mobilizacións para rexeitar “estas barbaridades” e defender o futuro da actividade pesqueira e o equilibrio do patrimonio natural e paisaxístico do municipio.

“Queremos manifestar o noso apoio ao sector pesqueiro, non só polo seu papel como motor económico e fonte de emprego local, senón porque forma parte da esencia, da identidade, da cultura, do patrimonio e das tradicións do noso municipio”, expón a resposta que o Concello remitiu á Secretaría de Estado de Medio Ambiente. “Este Concello, se ben é sensible á necesidade da loita contra o cambio climático e entendendo o potencial das enerxías renovables na descarbonización, quere manifestar que é necesario partir dunha implantación coherente, regulada e ordeada que evite os impactos negativos sobre o entorno e as actividades e que garanta un desenvolvemento sostible e unha transición enerxética xusta”.

Consideracións

Nas alegacións remitidas polo Concello á Secretaría de Estado de Medio Ambiente, o Concello de Cedeira expón que o diagnóstico territorial e do medioambiente que contén o documento de inicio destes proxectos limítase aos concellos de Xove e Cervo –por ser as zonas polas que se faría a conexión terrestre-, obviando outras interaccións terra-mar que se verán afectadas. Así, non aborda cuestións esenciais para Cedeira, como por exemplo a poboación que vive da pesca e en que caladeiros traballa, entre outras moitas tanto referidas á actividade pesqueira como ao turismo, ao patrimonio natural, arqueolóxico, etc. que podería verse afectado.

Apunta tamén o Concello de Cedeira na súa resposta que o documento inicial fala só dunha parte dos recursos pesqueiros da zona, obviando outros que son capitais para a confraría local como os moluscos bivalvos, os crustáceos, o percebe… Cómpre recordar que na lonxa cedeiresa vendeuse en 2019 o 16% do percebe comercializado en toda Galicia e que representou o 20% da facturación do pósito.

Tampouco toma en consideración o documento de Iberdrola, no tocante ao impacto paisaxístico, os Camiños a Santo André de Teixido e outras rutas turísticas importantes para o municipio. E o mesmo sucede coa proposta do Xeoparque Cabo Ortegal, chamado a se converter nun proxecto tractor do desenvolvemento sostible da zona.

A estas cuestións suma o Concello de Cedeira outras eivas que presentan, xa de entrada, os proxectos dos parques de eólica mariña. Así, a institución municipal expón que a tramitación debería esperar pola aprobación da ordenación das demarcacións mariñas que ten que facer o Goberno de España segundo unha directiva europea e que está agora en fase de exposición. A esto engade que non se realizou ningunha consulta previa ao sector pesqueiro nin conta a proposta coa supervisión do Observatorio de Enerxía Eólica Mariña, no que están a Xunta e sectores implicados.

E por último, tampouco ten en conta Iberdrola, no documento inicial, as seis propostas de parques eólicos en terra moi próximos fisicamente e que están en exposición pública. Segundo di o Concello, sería preciso establecer os efectos acumulados e sinérxicos que todas estas intervencións terían sobre os espazos protexidos, especies, patrimonio, poboación, etc.