Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COMEZA UNHA NOVA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓN NO XACEMENTO CASTREXO DO SARRIDAL

O equipo de Axa Arqueoloxía, que dirixe Emilio Ramil, comezou esta semana unha nova campaña de escavación no Castro Sarridal, o xacemento castrexo no que foi descuberto un dos cinco monumentos con forno de Galicia e a pedra formosa máis antiga, datada aproximadamente no 230 a.C. Nesta nova intervención financiada polo Concello de Cedeira -cun orzamento de 14.399€-, os arqueólogos teñen previsto completar a escavación da muralla e iniciar o descubrimento do antigo foxo, así como rematar a escavación do pavimento na zona da entrada ao forno.

Segundo explicou Emilio Ramil, a intervención na muralla e no foxo abranguerá unha superficie duns cen metros cadrados e vai servir para poñer á vista os elementos máis importantes da estrutura defensiva do conxunto, formada pola liña da muralla e do foxo que separaban claramente o exterior da zona doméstica. A área do pavimento da entrada ao forno na que se vai traballar tamén desta volta é duns 20 metros cadrados, e o equipo de arqueoloxía coida que posiblemente permita documentar as estruturas que existiron antes da sauna castrexa.

Esta nova campaña de escavación vai prolongarse durante un mes, e a esta seguirá outra de consolidación dos elementos descubertos que será financiada pola Xunta de Galicia, como sucedeu en anos anteriores.

Xunto con Emilio Ramil, o director de Axa Arqueoloxía, traballan nesta campaña a arqueóloga Vanesa Trevín e os auxiliares Alejandro Ramil Blanco, Carlos Javier Rodríguez López, Mónica Legazpi Torre, Macarena Teijido Ferreiro e Xan Carneiro. Tal como se informou recentemente, o equipo recibiu o encargo do Concello de Cedeira de realizar tamén unhas sondaxes no Campo de Castro para determinar por onde é máis interesante continuar futuras escavacións e a conveniencia de adquirir para elo algunhas parcelas. Estas catas permitirán, ademais, actualizar o libro “Arqueoloxía do Concello de Cedeira”, que data do ano 2000.

Desde o Concello de Cedeira, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil subliñou unha vez máis o compromiso do goberno local coa recuperación, paso a paso, do pasado castreño desta zona. Cómpre apuntar que o descubrimento de grandes xacementos como o Castro de Baroña son froito de moitas décadas de sucesivas campañas de escavación e consolidación como as que se están a levar a cabo en Cedeira. Moreda destacou, neste sentido, que a zona de Sarridal ten un enorme potencial para se converter nun conxunto arqueolóxico de referencia en Galicia para o mellor coñecemento do noso pasado.