Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O CONCELLO DE CEDEIRA APLICARÁ Á VECIÑANZA UNHA REBAIXA DO 4% NA TAXA DE RECOLLIDA DE RESIDUOS

O Concello de Cedeira vai poder aplicar un desconto do 4% na taxa de recollida de residuos á cidadanía, despois de acollerse á bonificación que aplica Sogama no importe do canon unitario de tratamento por toneladas a aquelas entidades locais que promoven a redución dos residuos e a reciclaxe. Desde o goberno local, o alcalde Pablo Diego Moreda destacou que “son moitas as accións e iniciativas que adoptamos para contribuír na loita contra o cambio climático, e é moi importante, xa que é un esforzo colectivo, que isto teña repercusión tamén na factura”.

O goberno local de Cedeira leva anos adoptando diferentes medidas para mellorar a xestión dos residuos. Repartiu máis de 200 composteiros a outros tantos fogares que son xa activos axentes dun tratamento sostible dos refugallos orgánicos e dispón de recollida separada de envases lixeiros, papel-cartón e vidro, roupa e aceite usado. Cómpre apuntar que a cidadanía de Cedeira recicla ao ano máis de cinco toneladas de aceite de cociña usado. Ademais, o Concello conta cun servizo de recollidas periódicas de residuos voluminosos porta a porta. O municipio dispón tamén dun punto limpo no polígono da Xunqueira.

A todo isto súmase que o goberno local está actualmente xestionando axudas, procedentes dos fondos Next Generation, para a incorporación dun punto limpo itinerante e a posta en marcha doutras accións de mellora da xestión dos biorresiduos con destino á planta de Sogama, que abrangue a compra de caldeiros e bolsas compostables para o uso doméstico, sistemas de identificación de usuario e pesada, contedores para a vía pública e campañas de sensibilización.

COMEZAN CON ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA OS OBRADOIROS DO PROXECTO DE “CEDEIRA MAR”

O Concello de Cedeira puxo en marcha estes días no IES Punta Candieira os obradoiros de sensibilización de escolares que forman parte do proxecto “Valorización da actividade pesqueira e marisqueira e dos espazos extractivos no litoral de Cedeira. Cedeira mar”. Os principais obxectivos deste proxecto son: a dignificación dos oficios do mar, a maior visibilización do labor pesqueiro e marisqueiro no municipio como actividade económica e a potenciación da creación de novas liñas de negocio e xeración de novos proxectos profesionais vinculados aos oficios do mar.

O Concello promove o proxecto con financiación GALP Mariña Ortegal, e ademais, está apoiado pola Confraría de Pescadores de Cedeira, as súas agrupacións sectoriais e os centros educativos da vila: IES Punta Candieira e o CEIP Nicolás del Río, entidades colaboradoras habituais coas actividades de sensibilización arredor do medio ambiente e mariño. Exemplo de elo son os outros proxectos GALP como Cedeixura, Pescaturación ou Emprende Pesca.

É de grande interese que o sector máis novo da poboación poida coñecer e recoñecer o potencial do seu entorno a todos os niveis. Os primeiros obradoiros de sensibilización de escolares realizáronse no IES Punta Candieira conrapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO. Un total de 235 alumnos e alumnas serán os participantes. Estas xornadas comezan nas aulas e continuarán os días 7 e 8 de abril cunha visita ao seu litoral cedeirense, a partir do 19 de abril tocaralle a quenda ao CEIP Nicolás del Río cos máis pequenos.

O coñecer convertese en aprecio, deste xeito valoramos o que apreciamos, cerrando así o círculo coa protección e o sentimento de orgullo e pertenza a un territorio. A educación ambiental e a observación do contorno serán a canles para a aprendizaxe, moito máis duradeira se xorden da experiencia. As técnicas participativas e os xogos de enxeño, serán a base da metodoloxía nas sesión de aula. Por outra banda nas saídas proxectadas, contarase coa colaboración altruísta dalgúns dos traballadores do mar, percebelleiros, mariscadoras e redeiras, serán os anfitrións nalgunha destas actividades en campo.

Cedeira é mar, e por iso visibilizar a actividade extractiva do municipio, coñecer as súas dinámicas e realidades de traballo, apreciar a cultura e tradicións mariñeiras e promover a alimentación sostible e o consumo responsable e de proximidade, son outros dos obxectivos deste proxecto.