COMEZAN CON ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA OS OBRADOIROS DO PROXECTO DE “CEDEIRA MAR”
O Concello de Cedeira puxo en marcha estes días no IES Punta Candieira os obradoiros de sensibilización de escolares que forman parte do proxecto “Valorización da actividade pesqueira e marisqueira e dos espazos extractivos no litoral de Cedeira. Cedeira mar”. Os principais obxectivos deste proxecto son: a dignificación dos oficios do mar, a maior visibilización do labor pesqueiro e marisqueiro no municipio como actividade económica e a potenciación da creación de novas liñas de negocio e xeración de novos proxectos profesionais vinculados aos oficios do mar.
O Concello promove o proxecto con financiación GALP Mariña Ortegal, e ademais, está apoiado pola Confraría de Pescadores de Cedeira, as súas agrupacións sectoriais e os centros educativos da vila: IES Punta Candieira e o CEIP Nicolás del Río, entidades colaboradoras habituais coas actividades de sensibilización arredor do medio ambiente e mariño. Exemplo de elo son os outros proxectos GALP como Cedeixura, Pescaturación ou Emprende Pesca.
É de grande interese que o sector máis novo da poboación poida coñecer e recoñecer o potencial do seu entorno a todos os niveis. Os primeiros obradoiros de sensibilización de escolares realizáronse no IES Punta Candieira conrapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO. Un total de 235 alumnos e alumnas serán os participantes. Estas xornadas comezan nas aulas e continuarán os días 7 e 8 de abril cunha visita ao seu litoral cedeirense, a partir do 19 de abril tocaralle a quenda ao CEIP Nicolás del Río cos máis pequenos.
O coñecer convertese en aprecio, deste xeito valoramos o que apreciamos, cerrando así o círculo coa protección e o sentimento de orgullo e pertenza a un territorio. A educación ambiental e a observación do contorno serán a canles para a aprendizaxe, moito máis duradeira se xorden da experiencia. As técnicas participativas e os xogos de enxeño, serán a base da metodoloxía nas sesión de aula. Por outra banda nas saídas proxectadas, contarase coa colaboración altruísta dalgúns dos traballadores do mar, percebelleiros, mariscadoras e redeiras, serán os anfitrións nalgunha destas actividades en campo.
Cedeira é mar, e por iso visibilizar a actividade extractiva do municipio, coñecer as súas dinámicas e realidades de traballo, apreciar a cultura e tradicións mariñeiras e promover a alimentación sostible e o consumo responsable e de proximidade, son outros dos obxectivos deste proxecto.