Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

MANUEL CARBALLEIRA GAÑA O IX CERTAME DE PINTURA RÁPIDA VILA DE CEDEIRA

Un total de 31 artistas procedentes de diferentes puntos de dentro e fóra de Galicia acudiron a Cedeira para participar no seu certame de pintura rápida. O lucense afincado en Valdoviño Manuel Carballeira foi o gañador desta novena edición do concurso, mentres que Beni Rodríguez, de Gijón, recibiu o segundo premio e o ferrolán Andrés Gabarres, o terceiro. Correspondéronlles, respectivamente, premios de 800, 600 e 400€ respectivamente xunto con cadanseu diploma.

O concelleiro de Cultura, José Antonio Arribe, xunto cos artistas Marta Pérez Durán e Andrés Urrutia Beato conformaron o xurado desta edición. Dáse a circunstancia de que o terceiro premio deste ano foi o gañador da anterior edición e que tamén o primeiro e o segundo teñen levado premios en edicións anteriores.

Como é habitual, pintores e pintoras repartíronse ao longo da xornada por diferentes puntos da localidade para realizar as súas obras, nos soportes previamente selados pola organización, e ás 17.30 horas acudiron a entregar o resultado á Sala Áncora para sometelo á deliberación do xurado.

Cómpre destacar a elevada participación nesta edición do certame, sensiblemente superior á de anos anteriores, e tamén con elo a calidade das obras executadas ao longo da xornada.

PUBLICADAS AS BASES DO IX CERTAME DE PINTURA RÁPIDA VILA DE CEDEIRA

Data de celebración: 27 de agosto de 2023.

O estilo e a técnica serán libres, a súa temática xirará en torno á paisaxe, e o espazo físico no que se realicen debe ser no entorno que abrangue o paseo marítimo, a praia da Madalena, o paseo da Mariña, zona do río Condomiñas, praia da Area Longa, casco vello e Porto de Cedeira. A execución será directa, diante do motivo ou do modelo natural, non poidendo utilizarse para tal fin fotografías tomadas con antelación.
Os/as pintores/as deberán mandar vía whatsapp ao número 649876614 a localización do lugar onde vaian realizar a súa obra.

Os premios, que estarán suxeitos á retención fiscal establecida, serán:

1º. – 800€ e diploma.

2º. – 600€ e diploma.

3º. – 400€ e diploma.

Pódese descargar as bases na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases do certame de pintura rápida Vila de Cedeira 2023

CEDEIRA ACOLLE ESTE DOMINGO O CERTAME DE PINTURA RÁPIDA E A ESTREA DA SEGUNDA ÓPERA STUDIO

Os cabalos ceibes da Capelada que o pasado ano retratou Andrés Gabarrés ilustran neste 2023 o cartel da novena edición do Certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira que se vai celebrar o vindeiro domingo, 27 de agosto. Como é habitual, artistas profesionais e afeccionados de dentro e fóra da comunidade galega achegaranse ata a localidade para plasmar nas súas obras, feitas como máximo en sete horas, a beleza da localidade.
Despois da edición do pasado ano, que estivo adicada á serra da Capelada coa intención de apoiar a candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal, o certame volve neste 2023 ás ubicacións habituais. Así, pintores e pintoras buscarán os lugares para pintar polo paseo marítimo, a praia da Madalena, o paseo da Mariña, a zona do río Condomiñas, praia de Area Longa, casco vello ou o porto. As inscricións e o selado dos soportes realizarase de 09.30 a 11.00 horas no posto de turismo ubicado na rúa Ezequiel López.
Antes das 17.30 horas, as persoas participantes deberán de entregar as obras na Sala Áncora, onde o xurado terá que facer tamén unha deliberación e un fallo rápido para dalo a coñecer unha hora despois. Os premios están dotados con 800, 600 e 400€, máis o correspondente diploma cada un. É habitual que os artistas poñen á venda alí mesmo, tras a entrega dos galardóns, as obras que non resultaron premiadas.

Pódese descargar as bases na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases do certame de pintura rápida Vila de Cedeira 2023

O mesmo domingo terá lugar tamén a estrea da ópera “Los Elementos” de Antonio Literes, como colofón da segunda edición da Ópera Studio que se organizou este verán na vila de Cedeira. Magna Ferreira na dirección musical e Marcos Viéitez na escénica, xunto con María García Bouso como concertina, Marta López no acompañamento e Xurxo Varela, baixo continuo, encabezan un reparto formado por trinta persoas, entre cantantes –solistas e coro- e instrumentistas.
O Concello de Cedeira apoia un ano máis a Ópera Studio, unha fórmula que é pouco frecuente en Galicia pero coñecida no mundo da lírica porque combina a formación coa producción dunha ópera e que, por elo, é un camino que frecuentemente toman os novos talentos para dar o salgo desde o académico ao profesional. Como o pasado ano, elixiuse unha peza barroca, “Los Elementos”, que se representará o domingo no Auditorio Municipal. Haberá dous pases, ás seis e as nove da tarde, con entrada gratuíta que se pode reservar a través do mail cedeirart@gmail.com ou ben no mesmo Auditorio desde unha hora antes de cada función.
Rutas guiadas
Cómpre recordar que o Concello de Cedeira segue a desenvolver dous programas con saídas guiadas polas zonas urbanas e rurais do municipio. Un deles é “DeRuta”, que propón tres percorridos diferentes: un por Punta Candieira e Sarridal, outro polos Altos de Santo André e un terceiro circular que pasa polo faro de Robaleira. Hoxe día 23, o venres día 25 e o vindeiro 30 de agosto desenvolveranse as tres últimas saídas, nas que as persoas interesadas poden inscribirse de balde chamando ao número 981 48 26 33 ou ben escribindo un mail a polideportivocedeira@gmail.com.

O outro programa de percorridos a pé é “Descobre Cedeira”, no que se proponen catro itinerarios diferentes, tamén guiados. Para este xoves, día 24, está convocada unha destas saídas a Santo André de Teixido. É unha excursión de dificultade media, que se prolonga desde as 10.00 ata as 17.00h, con saída desde a igrexa de Régoa, na que as persoas participantes teñen que levar a comida. A inscrición é tamén gratuíta e pode realizarse a través da Oficina de Turismo, chamando ao 981 482 187. Neste caso, o programa “Descobre Cedeira” prolongarase durante o mes de setembro con outras sete rutas.