Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

O AUDITORIO ACOLLE ESTE SÁBADO UNHA COMEDIA MUSICAL PARA CRIANZAS A PARTIR DE TRES ANOS

Maio Creacións levará ao escenario o espectáculo A viaxe de Mina, que reflexiona arredor de valores como a tolerancia e a empatía a través das aventuras da protagonista

O Concello de Cedeira programou para este sábado un espectáculo musical dirixido ás crianzas de máis de tres anos. A compañía Maio Creacións porá en escena A viaxe de Mina, unha montaxe na que, a través das aventuras da protagonista, se fala da igualdade, do respecto á diferenza, da tolerancia ou da empatía, entre outros valores.

Unha nena chamada Mina é a protagonista desta comedia musical. Ela é unha nena feliz, segura de si mesma, con personalidade e… gorda, unha circunstancia mal vista pola sociedade que a rodea. Ela quere vivir nun mundo no que se acepte ás persoas diferentes, así que emprende unha viaxe interestelar na que aprenderá moito e deberá tomar decisións importantes.

Sobre o escenario estarán Jorge Casas, actor e director, responsable tamén das composicións musicais e da escenografía, e a actriz Lore Hermida. Detrás do telón, forma parte indispensable de Maio Creacións a produtora Alba Casas.

CEDEIRA RECUPERA O SAMAÍN E CHAMA Á VECIÑANZA E VISITANTES A PASALO DE MEDO

Cedeira volve a celebrar o Samaín este ano con moitos azos e case que con total normalidade, despois dunha edición de mínimos pola pandemia. A vila, lugar indispensable para explicar a recuperación e o novo auxe que ten esta festa de orixe celta, convértese de novo no epicentro desta celebración en Ferrolterra e en Galicia. A concelleira de Cultura, Ermitas García, destacou que o programa mantén case todos os actos habituais e invitou tanto á veciñanza como ás persoas doutras localidades a achegárense á localidade para participar e pasalo de medo.

O programa inaugúrase xa este xoves cun espectáculo dirixido a nenos e nenas de entre un e catro anos. Trátase de Nano Canta Croac, un contacontos musical a cargo da actriz Raquel Queizás no que se amosa ás crianzas como expresaren as súas emocións. Será ás 19.00 horas no Auditorio Municipal.

As actividades centrais do Samaín desenvolveranse o venres e o sábado baixo as carpas que se van instalar no Paseo da Mariña. Alí faranse este venres, a partir das 17.00 horas, os tradicionais obradoiros de zonchos, e terá lugar o espectáculo de Brais das Hortas Contos para caghar patatillas, ás 20.00 horas e dirixido a un público familiar. Ao día seguinte, o sábado a partir das 17.00 horas, poderán depositarse alí as cabazas decoradas para ir fomando unha participativa e tebrosa exposición. Ao longo da tarde celebraranse baixo a carpa os obradoiros de tallado de cabazas e de maquillaxe, para que as persoas que queiran, maiores ou pequenas, esculpan alí mesmo rostros tétricos nas cabazas ou pinten as súas propias caras con expresións que dean arrepío.

Ás 20.30 horas, o mesmo sábado, comezará o “Pasacalle das Pantasmas”, sen dúbida a actividade máis popular do programa, no que se coidará de que as persoas participantes manteñan a distancia anti-covid.

O programa terá outra cita máis o luns, día 1 de novembro. De novo no Auditorio Municipal, ás 19.00 horas, David Maestro ofrecerá a súa función de maxia Soñando desperto.

A recuperación do Samaín en Cedeira cumpriu xa máis de tres décadas e foi resultado da iniciativa do profesor Rafael López Loureiro e a entidade Chirlateira, á que lle tomou despois o relevo a Asociación de Amigos do Samaín. O Concello de Cedeira colabora estreitamente desde hai anos con esta entidade na organización conxunta desta festa, que adquiriu gran relevancia en toda Galicia pola súa popularidade e autenticidade.

O cartel deste ano, que representa a un par de cativas camiñando entre cabazas baixo dous paraugas que emulan dúas cabazas talladas, foi obra de Laura Recio Hidalgo (@aole.ilustra en Instagram), unha ilustradora e deseñadora madrileña vencellada a Cedeira que leva anos colaborando co Samaín, encargándose tanto doutros carteis como do mural que desde o ano pasado decora unha parede da rúa da Cruz, polo que tradicionalmente pasa a ruada das pantasmas.