Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

VÍDEO PROMOCIONAL DO CAMIÑO DO MAR, A ÚNICA RUTA DE PEREGRINACIÓN QUE UNE TEIXIDO E COMPOSTELA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participou o pasado xoves, en calidade de vicepresidente do GALP A Mariña Ortegal, na presentación dun vídeo promocional do Camiño do Mar. O documental, que pode verse a través do link https://www.youtube.com/watch?v=ty-HN8HXqns, pon en valor os atractivos paisaxísticos, gastronómicos e culturais desta variante do Camiño do Norte, que vai de Ribadeo a Valdoviño e que enlaza en Ferrol co Camiño Inglés a Compostela.

O acto tivo lugar en Burela e contou tamén coa participación do alcalde desta localidade, Alfredo Llano; o cronista oficial de Foz, Xosé Ramón Fernández Pacios, e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño do Mar, Manuel Vicente.

A ermida de Santo André de Teixido, A Capelada e a praia da Madalena aparecen neste vídeo, no que se suceden portos, praias, faros, rías, cantís e fervenzas do percorrido. Entre outras imaxes, están as de Ribadeo, Rinlo e a Praia das Catedrais; os areais de Barreiros, San Estevo do Ermo e A Espiñeira; a Basílica de San Martiño e o Castro de Fazouro en Foz; o porto de Burela e as pinturas da Igrexa da Vila do Medio; o Paseo dos Namorados de Sargadelos e a ría e faro de San Ciprián; os cantís de Morás, Portocelo e San Tirso en Xove; a praia de Area, a ría de Viveiro e os Castelos de Covas; a Igrexa de Riobarba, a Ponte do Porto e Fuciño do Porco no Vicedo; os miradores do río Sor, Vares e O Barqueiro en Mañón; a ría de Ortigueira, o banco de Loiba, Couzadoiro e a fervenza do Casón; o cabo Ortegal, Sismundi e a praia da Concha en Cariño; así como os devanditos lugares de Cedeira para rematar a viaxe en Valdoviño coas imaxes da capela da Virxe do Porto e as praias de Pantín e a Lagoa de A Frouxeira.

Desde o Concello de Cedeira, o goberno local celebra a promoción e o recoñecemento deste itinerario de peregrinación precisamente cando se está a celebrar o Ano Xacobeo e recordan que é un elemento que reforza o interese turístico da zona, ao tempo que ofrece unha ruta pouco masificada e con indubidables atractivos, entre os que destaca o feito de que é a única ruta na que están os dous únicos lugares de peregrinación de Galicia, Santo André de Teixido e Compostela.

Historia dos estaleiros

O día anterior, mércores, Moreda Gil participou, tamén en calidade de vicepresidente do GALP, na estrea do vídeo “Historia dos estaleiros da Mariña Ortegal” que se celebrou en Foz.

O vídeo, que pode verse na web http://www.estaleirosmarinaortegal.aptv.es/ afonda, a través de diferentes testemuños, na tradición que atesoura a zona na construción de diferentes embarcacións. Conta, entre outros, cos testemuños de José Antonio Rodríguez Arribe (coñecido como José de Vigo) e Vicente Rey Vilarelle, que falan no Museo Mares de Cedeira sobre a súa propia experiencia e relación coa carpintería de ribeira e sobre os elementos, entre eles un banco de traballo e diferentes embarcacións, que están expostas ao público neste museo.

O GOBERNO CONCEDE 1,5 MILLÓNS DE EUROS PARA O PLAN DO PROXECTO DE XEOPARQUE CABO ORTEGAL

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo vén de publicar no Boletín Oficial do Estado a resolución cos criterios de distribución e o reparto de fondos do Programa de Plans de Sostenibilidade Turística en Destino, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno central. En dita resolución aparece a consignación de 1,5 millóns de euros para o desenvolvemento do plan do Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal.

A Deputación da Coruña é a entidade que solicitou ditos fondos –tal como se anunciara o pasado mes de novembro- para desenvolver dito plan. O goberno local expresou a súa satisfacción pola boa nova, determinante para que o proxecto teña o impulso que necesita nesta fase, na que xa se converteu nunha das candidaturas españolas para o título de Global Geopark da Unesco.

CARTA DOS REIS MAGOS ÁS NENAS E NENOS DE CEDEIRA

Queridas nenas e queridos nenos de Cedeira:
este ano contabamos con poder pasear polas rúas da vosa vila acompañándoos, mais as medidas sanitarias recoméndannos que non o fagamos, polo que organizamos co persoal do voso concello unha visita para poder vernos.
Acordamos que o día 5 de xaneiro estaremos no Auditorio Municipal de Cedeira desde as catro da tarde para que poidamos compartir un pouco do noso tempo con vós.
Para que nos poidamos ver necesitamos que unha persoa adulta se poña en contacto con nós a través de mensaxe, ben por whatsapp nos números 649876614 ou 673223392, ou por correo electrónico a enrique.vazquez@cedeira.gal ou carmela.prieto@cedeira.gal antes do día 4 de xaneiro, indicando:
– O teu nome
– O teu ano de nacimento
– O número de persoas adultas que virán contigo.
A través dese mesmo número, contestando a vosa mensaxe, poñeranse en contacto con vós o día 4 pola tarde para decirvos a hora na que teredes que vir ao auditorio. Se ides vir varios irmáns podedes poñelo na mesma mensaxe.
Xa acordamos coa organización que irán vindo primeiro as nenas e nenos máis noviños, e se vides varios irmáns xuntos, elexiremos a idade do menor de vós para asignar a hora.
Debemos ser moi puntuais, chegando a hora que nos indiquen, para evitar posibles retrasos que afectarían a todas as nenas e nenos que virían despois de nós, e tamén debemos entender que a hora non se pode cambiar, somos moitas persoas e debemos adaptarnos ao horario que nos indique a organización.
Tomar todas estas precaucións son a maior maneira de amosarvos o noso respecto e o noso cariño.

Estamos desexando vervos o día 5 de xaneiro.