Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

CONVOCATORIA PARA OS CELGA 1,2,3 E 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar unha convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.

Prazo de inscrición: 15 días hábiles desde hoxe (até o 7 de marzo).

Na seguinte ligazón pode acceder a toda a información necesaria sobre a convocatoria:

IR Á LIGAZON Información sobrea convocatori a de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

CEDEIRA ACOLLE DESDE ESTE DOMINGO A EXPOSICIÓN LUCES ALÉN DO MAR: AS ESCOLAS DE AMERICANOS EN GALICIA

O Auditorio Municipal de Cedeira acolle a partir deste domingo, día 13, a exposición Luces de Alén Mar: as escolas de americanos en Galicia, na que se recorda, a través de textos e fotografías, o enorme esforzo que realizou a emigración galega ao outro lado do Atlántico por contribuír ao desenvolvemento material e intelectual da súa terra de orixe. Na mostra aparecen moitas das polo menos 250 escolas que fundou e sostivo a diáspora galega nas catro provincias, entre elas a cedeiresa de Piñeiro, creada pola sociedade Hijos del Ayuntamiento de Cedeira na Habana en 1921.

A inauguración da exposición será este domingo, ás 12.30 horas, nun acto que contará coa intervención de Vicente Peña, comisario da exposición. O Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, impulsaron o traballo de recompilación de arquivos e a creación desta exposición itinerante, conformada por preto de medio cento de paneis. Neles percórrese a historia das escolas “indianas” e o seu modelo educativo, que foi unha semente de modernidade naqueles tempos, e fálase tamén da implicación dos galegos en América á hora de construír unha sociedade civil culta e con estima pola súa terra, identidade e cultura.

A mostra poderá visitarse, ata o día 11 de marzo, de luns a venres entre as 09.00 e as 14.00 horas.

O CONCELLO PROGRAMA PARA O SÁBADO O PREMIADO ESPECTÁCULO DE TEATRO INFANTIL QUIXOTE

O Concello de Cedeira programou para o vindeiro sábado o espectáculo de teatro infantil, Quixote, unha peza que recibiu o Premio Barroco Infantil no XLIV Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro. É a segunda montaxe da compañía Pedras de Cartón, cuxos compoñentes acumulan unha longa traxectoria co público infantil e xuvenil, e está dirixida pola actriz, creadora e mestra Laura Sarasola. A función será ás 19.00 horas no Auditorio Municipal e as entradas poden comprarse por 2,5€,

Na función, un Quixote encarnado por Juan Rodríguez viaxa por terras de Castela no seu velocípedo, acompañado polo fiel Sancho (Pedro Sánchez) e un triciclo cheo de maletas. O espectáculo achega o teatro clásico as familias co principal recurso do humor, case sen palabras e empregando as técnicas do clown. A banda sonora é obra de Davide González e o coidado vestiario foi deseñado por Diego Valeiras.

As persoas interesadas en asistir poden realizar a reserva anticipada de entradas a través da aplicación de mensaxería instantánea Whatsapp, no número 649 876 614, ou ben enviar un correo electrónico a enrique.vazquez@cedeira.gal antes do venres ás 14.30 horas.