Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

250 DEPORTISTAS DE TODA A PROVINCIA PARTICIPAN MAÑÁ NO 3º DUATLÓN MENORES “CONCELLO DE CEDEIRA”

O Club Natación Cedeira organiza a terceira edición do Duatlón Menores “Concello de Cedeira”, que por primeira vez este ano desenvólvese dentro do programa Xogade da Xunta de Galicia e que volve contar co apoio da administración local. Un total de 250 deportistas, nenos e nenas de clubes de toda a provincia, participarán na proba, que se vai desenvolver mañá pola tarde pola nova variante de Régoa. Desde o Concello, o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que “no goberno local sempre estamos dispostos a apoiar a organización deste tipo de eventos, porque apostamos polo deporte de base, e porque son unha ocasión para que moita xente se achegue á nosa vila”, comentou, sumando ademais neste caso “a oportunidade que representa para coñecer mellor un deporte como o duatlón”.

O presidente do Club Natación, Xan Xosé Suárez Vilela, explicou que a proba, que combina a carreira e a bicicleta, comenzará a partir das 16.00 horas, pero que xa unha hora antes os clubes terán que presentarse e que o tráfico estará por iso cortado –os coches poderán circular cara a San Andrés pola estrada vella-. Haberá tres categorías: benxamín (nados nos anos 2012-2013), alevín (2010-2011) e infantil (2008-2009).

O Concello de Cedeira colabora económicamente, con máis de 2.000 euros para sufragar unha ambulancia, o avituallamento e a cronometraxe para a celebración do campionato, así como achegando o apoio de Protección Civil, Policía Local e persoal municipal para o correcto desenvolvemento da proba.

A COMPAÑÍA ELEFANTE ELEGANTE REPRESENTA EN CEDEIRA O ESPECTÁCULO CUBO PARA O PÚBLICO FAMILIAR

O público familiar é o destinatario do espectáculo teatral que programou o Concello de Cedeira para mañá sábado, día 2, a partir das 19.00h no Auditorio Municipal. A compañía Elefante Elegante porá en escena a obra Cubo, unha historia xurdida da situación de confinamento que trouxo a pandemia que fala da amizade, do impulso de descubrir mundos novos e da aventura de medrar.

Un cubo de dous por dous metros ocupa o escenario. Nel viven unha nena e un neno, interpretados por María Torres e Gonçalo Guerrero, aos que nun momento dado invade a curiosidade. Queren saír fóra, pero un pretende ir buscar preguntas, e o outro quere recoller respostas. Sempre foron quen de chegar a acordos, pero serán capaces de alcanzar un consenso desta vez?

A compañía Elefante Elegante foi creada no ano 2000 por María Torres e Gonçalo Guerrero. Residiu nos seus primeiros anos en Bélxica, ata que en 2007 se instalou en Galicia. Na súa traxectoria destaca o traballo co xesto e o movemento, na procura de espectáculos cunha linguaxe universal.

A obra Cubo está recomendada para nenos e nenas a partir de 4 anos. O prezo da entrada é de 2,5€.

O PROXECTO DE XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL PON EN MARCHA O FORO DE PARTICIPACIÓN LOCAL

Unha das claves dos xeoparques é a súa construción de abaixo arriba, é dicir, que todas as accións que se leven a cabo veñan precedidas da máxima participación do tecido social e económico. Búscase que todos os sectores coñezan en que consiste esta figura da UNESCO, de que maneira pode contribuír ao desenvolvemento sostible do territorio e, sobre todo, que formen parte da toma de decisións. No caso do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal xa se leva andado moito en canto a difusión dos obxectivos que perseguen en conxunto os sete concellos promotores. Porén, agora é momento de que os distintos colectivos dean un paso adiante implicándose na estratexia, achegando propostas e traballando en rede. O arranque desta nova fase planificouse desde a asociación xestora impulsando o Foro de Participación Local cun calendario de xuntanzas sectoriais que se celebrarán os días 31 de marzo, 5, 6 e 7 de abril en Cariño, Moeche, Valdoviño e Cedeira. As entidades que desexen participar en cadansúa mesa de traballo deben inscribirse antes a través deste formulario en liña.

O Foro de Participación Local ten tres cometidos. Dunha banda estaría o de seguir ampliando a información sobre os obxectivos dun xeoparque como distintivo internacional capaz de se converter en eixo dinamizador do territorio a partir dunha riqueza xeolóxica excepcional que tire do turismo, da economía, da posta en valor dos produtos do sector primario, dos servizos, da cultura, da investigación e do coñecemento.

Por outro lado, o Foro tamén pretende recoller ideas e propostas que fortalezan a estratexia de desenvolvemento sostible que debe levar á práctica calquera territorio aspirante a ser Global Geopark, incluso antes de obter o selo da UNESCO.

E, en terceiro lugar, o Foro de Participación Local tamén será punto de encontro para crear comunidade ou, dito doutro xeito, que as entidades e a poboación en xeral se sintan parte dun proxecto común que trascende os límites de cada municipio e no que, ademais, se impliquen de maneira activa e teñan voz á hora de tomar decisións.

Tal e como se apunta desde a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, o foro axudará a “artellar mecanismos para que as actuacións sexan froito dun desenvolvemento cooperativo e coordinado que involucre a toda a poboación”.

Con esta idea, a asociación de municipios programou catro encontros divididos por áreas temáticas que terán lugar en Cariño, Moeche, Valdoviño e Cedeira durante os próximos días:

Cariño (xoves 31 de marzo 17:30h, Auditorio Municipal) Mesa Económica: dirixida a asociacións profesionais e sectoriais e a colectivos de ámbito territorial.

Moeche (martes 5 de abril 17:30h, Centro Cultural Francisco Piñeiro). Mesa Social: na que se reunirá o grupo de traballo de entidades veciñais

Valdoviño (mércores 6 de abril 17:30h, Casa da Cultura). Mesa Medioambiental e Deportiva: para colectivos ou asociacións ambientais, clubes e agrupacións deportivas

Cedeira (xoves 7 de abril 17:30h, Sala Áncora da Praza Roxa). Mesa Cultural: orientada a asociacións culturais, gastronómicas, musicais, etc.

A maiores destes encontros, tralas vacacións da Semana Santa tamén terá lugar en Ortigueira a xuntanza con responsables dos centros de ensino dos sete municipios dentro da Mesa Escolar, por ser o ámbito educativo un dos piares do desenvolvemento do proxecto.

Desde a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal lánzase o convite para que todos os colectivos do territorio se sumen ás mesas de traballo do Foro de Participación Local, co obxectivo de seguir ampliando a base social do proxecto.

Para asistir a cada unha delas é necesario anotarse antes a través deste formulario en liña, no que só cómpre indicar o nome da persoa representante que acudirá ao encontro, o nome da entidade, o teléfono e o correo de contacto. Tamén haberá que sinalar o tipo de colectivo de que se trate -veciñal, deportivo, ambiental, etc.-, de maneira que o propio formulario xa nos indicará a cal das catro reunións previstas deberemos asistir.

Tanto a celebración das mesas como a difusión da información son actuacións enmarcadas no convenio de colaboración asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, a través do cal o ente provincial cofinancia o proxecto.