Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

CEDEIRA REIVINDICA UN ANO MÁIS O SAMAÍN AUTÉNTICO

A vila de Cedeira reivindícase un ano máis como berce da recuperación do auténtico Samaín en Galicia, a festa dos nosos antergos na que xa se tallaban cabazas e se contaban historias de medo, sen que o anglosaxón Halloween chegase para colonizalo. A celebración do Samaín de Cedeira será un ano máis unha festa popular, en cuxa organización está implicada unha boa representación do tecido asociativo local, que terá o seu centro no paseo da Mariña e nas rúas do casco vello durante as tardes deste venres, día 27, e do sábado, 28.

Desde o Concello de Cedeira recordan o sentido da festa, que é “familiar e integradora”, arredor do tallado das caliveras na cortiza dos melóns. Quen queira ir disfrazado, recomendan, pode ir de pantasma branca, as chamadas “avisións”, ou ben coa cara ciscada simulando ser unha ánima doutro mundo. O programa comezará o venres ás 17.00 horas no paseo da Mariña, onde se desenvolverán un taller de zonchos e outro de pintura. Ás 20.00 horas, co lusco e fusco, a compañía Barafunda ofrecerá o espectáculo “Os espíritus divertidos do Samaín”.

O Centro de Ocio Xuvenil organiza tamén para esa tarde do venres, de 17.30 a 19.30 horas, un obradoiro de repostería de Samaín que será impartido por Mercedes Fernández e María Arribí.

Para o sábado, a partir das 17.00 horas, están previstos obradoiros de tallado de cabazas e de maqueado. Estarán expostas as caliveras, nas que ano tras ano a xente de Cedeira plasma toda a súa creatividade. Abrirá tamén un ano máis as súas portas a “Casa do Terror” e ofrecerase unha merendola de outono ao público, con bola de axucre e requeixo.

Sobre as 20.30 horas será o pasarrúas, un desfile no que van maiores e pequenos e que percorre as rúas do casco vello case ás escuras, só coa luz das velas que leven algúns dos participantes. É un percorrido barulleiro e cheo de risas.

Xunto coa Asociación de Amigos do Samaín, colaboran na organización desta festa as asociacións Mulleres da Vila, Buxainas, Mares, a Escola de Música, a Banda de Música e a ANPA Picapeixe.

Redondeará o programa o pase da película “O corpo aberto” o domingo, ás 19.00 horas, no Auditorio Municipal. Cadra co ambiente esta historia dirixida por Ángeles Huerta sobre un mestre que vai destinado a unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. Nun lugar dominado pola superstición, a morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, que levará ao protagonista a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos. É unha proxección enmarcada no ciclo Mestre Mateo, que leva a Cedeira as películas premiadas e nominadas no certame do cine en galego. Neste caso, “O corpo aberto” recibiu o premio ao mellor longametraxe.

CEDEIRA TEN TEATRO E CINE ESTA FIN DE SEMANA, DE NOVO DA MAN DOS CICLOS FUSA GUILLÉN E MESTRE MATEO

O municipio de Cedeira reparte de novo a súa axenda cultural desta fin de semana entre o teatro afeccionado e o cine. O Auditorio Municipal acollerá o sábado ás 20.00 horas a segunda función do ciclo Fusa Guillén, que ofrecerá a compañía ferrolá Romaría Teatro, e o domingo, ás 18.00, o pase da película de animación infantil “Valentina”, no marco do ciclo Mestre Mateo.

O grupo Romaría Teatro xurdiu dun programa de teatro veciñal que impulsou o Concello de Ferrol. A actriz Helga Méndez impartiu talleres de dramaturxia en diferentes parroquias rurais e neles naceron varios grupos que estrearon no pasado mes de xullo as súas primeiras montaxes. Unha delas é “Retratos no Camiño”, que este sábado leva a Cedeira a compañía formada por veciños e veciñas da zona de Serantes. A peza percorre personaxes e vidas desta parroquia a través de Serafín Lorenzo, un fotógrafo que foi máis coñecido no lugar como “Cazolitos” e que andaba polos camiños retratando ás xentes e os seus traballos, o tempo de lecer, os espazos de xuntanza…

Xa o domingo, Cedeira ten unha nova cita coa segunda edición do ciclo de cine en galego Mestre Mateo, que leva por Galicia as películas premiadas e nominadas no famoso certame. A localidade cedeiresa é unha das cinco na provincia da Coruña pola que itineran as películas. Desta volta é a quenda de “Valentina”, unha longametraxe de animación dirixida pola ferrolá Chelo Loureiro que gañou en 2022 o premio Goya na súa categoría e que foi finalista no certame do cine galego.

A película está protagonizada por unha nena, Valentina, que soña con ser trapecista pero que pensa que non poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa avoa anímaa sempre a perseverar, di que se os vermes logran converterse en bolboretas, nada é imposible. Ela non está moi convencida, pensa en como será esa metamorfose da que lle fala a avoa. Xusto cando vai preguntar, Papá e Mámá danlle unha desconcertante noticia. A avoa marchou de viaxe.

Tamén no Auditorio desenvolverase outra cita, este venres día 20, ás 20.00 horas. Terá lugar a presentación do libro “Cogomelos da comarca de Ortegal” por parte do seu autor, José Luis Cuba Crespo.

CHEGA A CEDEIRA O CICLO MESTRE MATEO COAS MELLORES PELÍCULAS DOS PREMIOS DO CINE EN GALEGO

Cedeira é unha das cinco localidades na provincia da Coruña que participa no segundo ciclo Mestre Mateo, un programa que leva por toda Galicia, en pases gratuítos, as películas finalistas dos premios do cine en galego. A partir deste domingo, día 8, sucederanse as proxeccións de oito títulos entre os que estarán as cintas recoñecidas cos galardóns ao mellor longametraxe, o mellor longametraxe de animación e o mellor documental.

O Auditorio Municipal de Cedeira será o lugar dos pases, todos de balde e abertos ao público ata completar aforo. Este domingo ás 19.00 horas chega a Cedeira Live is Life, unha película dirixida por Dani de la Torre que conta a aventura que emprenden Rodri e os seus amigos no verán de 1985, cando regresa desde Cataluña á aldea galega dos seus pais e comproba que os problemas do mundo real amenazan con separar ao grupo. Deciden escapar na noite de San Xoán na procura dunha flor máxica. A cinta foi finalista nas categorías de mellor longametraxe, dirección de arte, montaxe e vestiario nos últimos premios Mestre Mateo.

As seguintes datas do ciclo Mestre Mateo en Cedeira serán as seguintes:
Domingo 15 de outubro, 19.00h. – Unicorn War. Premio mellor longametraxe de animación.
Domingo 22 de outubro, 18.00h. – Valentina.
Domingo 29 de outubro, 19.00h. – O corpo aberto. Premio mellor longametraxe.
Domingo 5 de novembro, 19.00h. – Código Emperador.
Domingo 12 de novembro, 19.00h. – No somos nada.
Domingo 19 de novembro, 19.00h. – María Casares, a muller que viviu mil vidas. Premio mellor documental.
Sábado 25 de novembro, 20.00h. – Onde máis doe.