Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Cedeira acolle hoxe a 14ª edición da Xuntanza e Ruta Cabalar organizada pola Asociación A Crina

CEDEIRA ACOLLE HOXE A 14ª EDICIÓN DA XUNTANZA E RUTA CABALAR ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN A CRINA

A Asociación Ecuestre A Crina de Cedeira está a impulsar o mundo equino na comarca e en particular o do cabalo de andadura galega coa celebración de xornadas como a que terá lugar hoxe sábado, na que a vila acollerá a 14ª edición da Xuntanza e Ruta Cabalar. O Concello de Cedeira colabora na convocatoria.

O programa, que se desenvolverá no polígono industrial da Trabe, dará comezo coa celebración dunha ruta cabalar polo serra da Capelada, con pinchos incluídos; unha comida, a base de paella, churrasco, pan, bebidas e postres, e a celebración -a partir das catro da tarde- de distintas probas de andadura galega (cronometrada e de calidade), na que se repartirán máis de 700 euros en premios en metálico, ademais de sacos de pienso. Andadura chapeada e serrada son algunhas das modalidades previstas.

A participación na comida ten un custo por persoa de 20 euros e a inscrición para tomar parte nas probas equinas debe facerse antes das dúas da tarde. Para participar é obrigatorio o uso de casco e a organización, pola súa banda, obsequiará aos participantes co sorteo de artículos relacionados con mundo ecuestre. A entrega dos galardóns producirase a piques de finalizar a tarde e o acto estará amenizado pola actuación de Almudena.

Desde a organización invítase aos veciños e visitantes a sumarse á celebración, aínda que non se teña cabalo, ademais de recordar que só en Galicia existe esta modalidade, que ten moitos seguidores en toda a comunidade autónoma.

A XIV Xuntanza de Palilleiras de Cedeira reunirá o sábado a máis de cincocentos participantes no pavillón municipal

A XIV XUNTANZA DE PALILLEIRAS DE CEDEIRA REUNIRÁ O SÁBADO A MÁIS DE CINCOCENTOS PARTICIPANTES NO PAVILLÓN MUNICIPAL

Máis de cincocentas persoas tomarán parte este sábado (día 14) na XIV Xuntanza de Palilleiras, Patchwork e Bordado que, organizada pola Asociación de Amas de Casa de Cedeira, terá lugar no polideportivo municipal ao longo de toda a xornada.

O Concello colabora na celebración dunha convocatoria na que haberá unha amplía representación galega pero na que tamén participantes do Principado de Asturias e da provincia de León.

O programa arrincará ás dez da mañá coa apertura das instalacións, que permanecerán abertas ao público ata as 18.30 horas, agás entre as dúas e catro da tarde.

A posibilidade de coñecer en vivo a difícil arte de palillar, de admirar o traballo de recuperación que fan asociacións como a de Amas de Casa de Cedeira a prol da cultura popular e de conquerir algún dos moitos agasallos que se sortearán durante o encontro son só algúns dos atractivos dunha cita na que se implican dunha forma moi activa as 100 mulleres da entidade convocante. A organización entregará un recordo a todos os participantes, así como agasallos ao grupo máis numeroso, ao que vén desde máis lonxe, á persoa máis nova e tamén á de maior idade.

Todas estas actividades complétanse cunha exposición de traballos artesanais de bordado, encaixe e patchwork que estará aberta ao público, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.00 horas, nas instalacións do Palacete (avenida Castelao, 18).

O Concello demanda de Medio Rural un plan de mantemento para os espazos consorciados que teñen na Serra da Capelada

O CONCELLO DEMANDA DE MEDIO RURAL UN PLAN DE MANTEMENTO PARA OS ESPAZOS CONSORCIADOS QUE TEÑEN NA SERRA DA CAPELADA

O Concello de Cedeira comparte coa Consellería de Medio Rural unhas 2.500 hectáreas de chan na serra da Capelada, uns espazos que hoxe mesmo deron lugar a unha reunión en Santiago para falar do seu presente e futuro. O alcalde, Pablo Moreda Gil, foi recibido pola titular da Consellería, Ángeles Vázquez Mejuto, e máis pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo Piñeiro.

Moreda Gil valora moi satisfactoriamente a colaboración que a Xunta vén prestar cara á conservación da propiedade, asumindo unilateralmente tanto as podas que se realizan ao longo de todo o ano como os traballos de repoboación que se fan para garantir as características ambientais propias da zona. O rexedor local tamén pide a creación dun plan de mantemento -con dotación orzamentaria- para mellorar aínda máis os recursos e as posibilidades turísticas e ambientais que xa está a ofrecer o lugar. Esta demanda busca mellorar o estado de uso das pistas, dos peches perimetrais e mesmo dos pasos subterráneos para animais. O Concello, ademais, entende que a administración local debería participar na elaboración do devandito plan, dada a importancia que A Capelada representa para Cedeira e mesmo tamén para a comarca en xeral.

O alcalde tamén falou coas responsables da Consellería de Medio Rural da viabilidade de construír, na zona cedeirensa da Capelada, unha pista permanente para carreiras de cabalos. Trátase dunha iniciativa que baralla a Asociación Ecuestre A Crina e coa que o equipo de goberno móstrase de acordo por considerar que tamén axudaría a potenciar a raza autóctona de gando cabalar. A conselleira e a directora xeral comprometéronse a estudar a proposta.