Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A AGRUPACIÓN CEDEIRESA DE MEMORIA HISTÓRICA PRESENTA UN LIBRO SOBRE A REPRESIÓN FRANQUISTA NA LOCALIDADE

A agrupación cedeiresa da Asociación de Memoria Histórica Democrática celebrará mañá ás 19.00h na praza da Constitución unha ofrenda floral en homenaxe ás persoas represariadas no municipio e ás que sufriron prisión no campo de concentración da Revolta. Este acto, que coincide co 92 aniversario da proclamación da II República, irá seguido doutro no Auditorio Municipal no que se presentará o libro “Cedeira: O prezo da liberdade 1931- 1942”, un traballo de 600 páxinas coordinado por Enrique Barrera que ademais de describir o contexto social e político daqueles feitos, recolle os datos de máis de 100 represaliados da localidade, 42 deles asasinados, xunto con testemuños de veciños e familiares e numerosas fotografías antigas.

A ofrenda floral realizarase, como cada ano nesta data, diante do monumento que se erixiu na praza da Revolta no ano 2010, e en cuxa inauguración participou Vicente Álvarez Areces, daquela presidente do Principado de Asturias. É un monolito de pedra que recorda o lugar no que estaba o campo de concentración franquista no que mantiveron presas a máis de 700 persoas en condicións deplorables. Está previsto que o acto estea acompañado da banda de gaitas Buxainas, que a continuación acompañará aos presentes no percorrido ata o Auditorio, pasando pola praza 18 de Decembro, que recorda a data de 1936 na que o alcalde cedeirés Manuel Fernández Freijeiro e outros 13 veciños, moitos deles tamén parte da corporación, foron executados.

Na presentación do libro participarán o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil; o coordinador da obra, Enrique Barrera Beitia, e Teresa Fernández, descendente do alcalde fusilado. A agrupación local de Memoria Histórica ten impreso 500 exemplares do volume, de 600 páxinas, que repartirá de balde ás persoas interesadas que asistan ao acto. Recollerá unicamente colaboracións económicas voluntarias de quen queiran contribuír.

Tal e como explicou Xosé Luis Vergara, ao frente da agrupación cedeiresa de Memoria Histórica, no libro están máis de dous anos de traballo. “E ainda que ten moita información, recollida coa colaboración dun grupo moi amplo de xente, tanto das máis de 50 persoas que pertencen á agrupación local como de moitos familiares e veciños que aportaron fotografías e datos, de seguro é algo inacabado, e a súa publicación vai servir para que agromen máis recordos, máis casos….”

TEATRO GHAZAFELHOS PORÁ ESTE SÁBADO EN ESCENA A PEZA “NINJA. A VIAXE MÁIS LONGA COMEZA CO PRIMEIRO PASO”

A compañía de teatro Ghazafelhos, toda unha referencia para o público familiar en Galicia, estará este sábado no Auditorio de Cedeira coa obra “Ninja. A viaxe máis longa comeza co primeiro paso”. A representación comezará ás 20.00 horas e as entradas poden reservarse anticipadamente a través do whatsapp no número 649 876 614.

A peza, chea de humor e cunha compoñente pedagóxica, conta a historia de Tori, unha nena do rural que está fascinada pola cultura oriental, o karate, o kung fu, o jiu jitsu, as pelis de Bruce Lee, Jackie Chan… A pequena soña con ser unha auténtica Ninja e xoga a pasar inadvertida e observar o que pasa ao seu arredor, como faría unha guerreira xaponesa. Actuando con sixilo descobre que no colexio hai nenos e nenas que tamén queren pasar inadvertidos, non para ser Ninjas como ela, se non para que outros compañeiros e compañeiras non abusen deles. Tori buscará a axuda do señor Edelmiro para lograr que cambien as tornas.

Tamén este sábado, o Centro de Ocio Xuvenil de Cedeira vai celebrar o seu primeiro aniversario. Cúmprese un ano desde a súa reapertura tras a pandemia, cando o centro comezou a funcionar coa actual dinámica, baixo a coordinación dunha educadora social, Nerea P. Carballeira, na que os propios mozos e mozas usuarias participan directamente na promoción de actividades.

A festa será de nove da tarde ás doce da noite e ás 22.30h está previsto un sorteo de bonos con descontos para comprar na libraría. Haberá xogos, petiscos e música para animar a celebración, aberta á rapazada de 12 a 18 anos da localidade.

CEDEIRA INFORMA DUNHA NOVA CONVOCATORIA DE PROBAS DE ACREDITACIÓN DE NIVEIS DE LINGUA GALEGA: CELGAS 1, 2, 3 e 4

O Concello de Cedeira informa dunha nova convocatoria, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4. As probas terán lugar nos meses de maio e xuño de 2023.

Prazo de inscrición: até o 27 de marzo.

Para máis información podese consultar o texto integro do DOG na seguinte dirección:

IR Á LIGAZÓN Texto da convocatoria das probas de niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4